Os traballadores de Xornal de Galicia reivindican a supervivencia da súa edición dixital

martes, 27 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Esta mañá fronte a redacción de Xornal de Galicia no polígono da Grela en A Coruña xuntáronse os traballadores do medio para manifestar o seu rexeitamento ante o peche da edición dixital, para o que a empresa presentou un ERE de extinción que afecta aos 38 traballadores. Dende o Comité de Empresa denuncian que a dirección incumpriu a promesa de potenciar o dixital, como anunciara hai cousa de mes e medio cando pecharon a edición en papel do diario, á vez que acusan que detrás desta decisión hai «intereses políticos» en vez de motivos económicos (destacando que «a menos de dous meses das eleccións xerais, Jacinto Rey enterra dúas cabeceiras históricas que contribuían ao pluralismo informativo de Galicia», en referencia ao recente peche de Anosaterra.org).
Dende o Comité de Empresa aseguran que Xornal.com é viable como medio dixital (lembremos o seu funcionamento previo á edición impresa), e protestan ante o feito de que a empresa non presentase en ningún momento un plan de viabilidade sobre o futuro da edición dixital, pese a que os estudos de mercado presentados no ERE admiten que o futuro do mercado xornalístico está ligado á Rede.
Os traballadores de Xornal de Galicia tamén queren destacar que Xornal.com foi o primeiro diario dixital nacido en Galicia, estando entre os máis lidos na Rede na nosa comunidade e cun promedio de 25.000 lectores/día; de aí que reclamen a súa supervivencia, considerando inxusto que queiran cargarlle a Xornal.com o lastre dos custos da edición impresa de Xornal de Galicia.

PUBLICIDADE