Os traballadores de OpenAI ameazan con marchar da compañía se non volve Altman

luns, 20 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Satya Nadella xunto a Sam Altman nunha sesión de Microsoft Ignite en 2022

A polémica marcha de Sam Altman de OpenAI é unha historia que está lonxe de rematar de escribirse, e tras anunciarse que Microsoft fichaba a Altman e outros traballadores de OpenAI para un novo equipo de investigación sobre intelixencia artificial avanzada, así como a designación de Emmet Shear como novo director xeral de OpenAI, desatouse o caos dentro da compañía especializada en IA.
Para deixar constancia do malestar dos traballadores de OpenAI, redactaron un comunicado dirixido á directiva da compañía, no que indicaban o seu rexeitamento polas medidas adoptadas contra Sam Altman e Greg Brockman. Os traballadores non só critican que desestabilizasen a empresa coa súa decisión, senón que tamén consideran que non argumentaron debidamente as súas actuacións, e demostraron a súa neglixencia para dirixir OpenAI ao mudar a persoa a cargo da dirección xeral da compañía só dous días despois de designar a Mira Murati (quen asegura que «OpenAI non é nada sen a súa xente»).
Os traballadores de OpenAI teñen claro que a actual dirección é incapaz de dirixir a compañía, polo que piden a súa renuncia inmediata, ameazando con marchar a Microsoft de non ser así. O retorno de Sam Altman e Greg Brockman é unha esixencia irrenunciable, e a ameaza dos traballadores parece moi seria (Microsoft comprometeuse a acollelos na súa nova subsidiaria).
Até o momento uns 738 dos 770 traballadores de OpenAI subscribiron o comunicado en oposición á directiva actual, e como detalle especialmente rechamante figura entre os primeiros asinantes Ilya Sutskever, quen está considerado o principal artífice do despedimento de Altman, e quen xa manifestou en público o seu arrepentimento polas súas accións, engadindo que fará todo o posible para reunificar a compañía.
Sam Altman asegura que o seu equipo está máis unido e comprometido ca nunca, e que traballarán xuntos «dun xeito ou outro», ou sexa, que parece estar bastante claro que nas vindeiras horas decidirase se Altman volve a OpenAI ou os traballadores de OpenAI marchan a traballar con el a Microsoft.

PUBLICIDADE