Os traballadores de A Nosa Terra lanzan un blog para informar polo miúdo das súas reclamacións

venres, 1 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A Asemblea de Traballadores de A Nosa Terra (ANT) vén de pór un marcha un blog para informar á comunidade internauta galega do seu punto de vista sobre o cese da publicación do histórico seminario galego, agora centrado na achega de información en liña. A bitácora, que segundo informa o Sindicato de Xornalistas de Galicia está feita polo cadro persoal baixo a coordinación do seu delegado (elixido pola CIG), dirixe unha boa parte das súas entradas contra o Grupo San José, propietario, ao que responsabiliza do proceso de desmantelamento sufrido polo medio de comunicación. Dende a bitácora estanse a coordinar, tamén, as mobilizacións dos traballadores e dos internautas que os apoian, sen ir máis lonxe está previsto para este venres 1 de outubro un parón de tres horas para “protestar polo Expediente de Regulación de Emprego que afecta a 28 empregados/as da publicación”, sinálase na bitácora.
Amais disto, o caderno centra unha boa parte da súa actividade en achegar información que desminte á dos responsables do medio acerca das previsións do peche (que a xuízo dos traballadores eran anteriores ao que se fixo saber) e as responsabilidades do mesmo (que segundo informan responden máis a unha mala xestión que a unha ausencia de axudas dende as institucións públicas).
Amais de polo mantemento dos postos de traballo e do xornal, o blog tamén fai fronte común para preservar a edición en liña, a xuízo da Asemblea “o último fío de vida que índa sobrevive dunha cabeceira nacida hai máis de 100 anos”.

PUBLICIDADE