Os televisores con descodificador integrado de Movistar chegarán o día 14

xoves, 3 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Tras varias semanas anticipando que Movistar ía revolucionar o xeito de fidelizar clientes ofrecéndolles televisores, por fin chega o anuncio oficial de Screen Fusión, os televisores exclusivos de Movistar fabricados pola empresa turca Vestel, que chegarán ao mercado o vindeiro 14 de decembro en tamaños de 32 e 40 polgadas e como grande vantaxe para o usuario teñen que integran o descodificador de Movistar Fusión, o que supón unha maior comodidade para o consumo dos servizo de televisión de pagamento. Aínda que había rumores que apuntaban que este produto estaría dirixido só a novos clientes, confírmase que tamén os clientes actuais da oferta converxente de Telefónica en España poderán acceder a este produto.
Para a campaña de Nadal, os clientes que se dean de alta en Movistar Fusión+ Fibra 300 Mb co paquete Premium poderán elixir entre o descodificador tradicional ou un televisor que o integre, que recibirían de balde de elixir o de 32 polgadas, mentres que polo modelo de 40 polgadas deberían pagar 120 euros. Pola contra, os clientes actuais terían que pagar 50 euros se optan polo modelo de 32 polgadas e 170 euros se prefiren un televisor de 40 polgadas.
En ambos casos non existe nin permanencia nin compromiso por parte do cliente, que poderá darse de baixa do servizo e devolver o televisor sen ningún tipo de penalización, sendo preciso salientar que este dispositivo só é compatible con Movistar+; ou sexa, que nin son Smart TV nin permiten a conexión dun Chromecast, unha consola de videoxogos ou un reprodutor de Blu-ray (entre moitos outros dispositivos que habitualmente se empregan no televisor do salón).
O televisor Screen Fusión de 32 polgadas conta cun panel LED cunha resolución de só 1.366 x 768 píxeles (o que pode resultar bastante decepcionante para boa parte dos consumidores afeitos ao Full HD), Wi-Fi, Ethernet, 1 porto USB (para uso interno do descodificador de televisión) e 1 porto HDMI (só para saída de audio); mentres que o Screen Fusión de 40 polgadas parece bastante máis recomendable, xa que o seu panel LED é Full HD.

PUBLICIDADE