Os smartphones de Samsung permitirán pagar con PayPal en tendas físicas

luns, 23 de abril do 2018 Marcus Fernández

As distintas plataformas de pagamento co móbil teñen entre as súas grandes carencias o depender de acordos coas diferentes entidades bancarias, pero os usuarios de Samsung Pay están a comezar a recibir una novidade que resultaralles moi atractiva no caso de querer empregar o seu smartphone para pagar en tendas físicas e non conten con tarxetas bancarias das entidades afiliadas á plataforma, xa que pasará a ser compatible con PayPal.
Deste xeito, os usuarios de Samsung Pay poderán empregar a súa conta de PayPal para pagar en establecementos físicos coma se fose unha tarxeta contactless, o que supón unha capa máis de seguridade, xa que ao facer estas compras non se compartirán os números de conta ou tarxeta bancarias cos establecementos nos que se realicen as compras.
A incorporación de PayPal en Samsung Pay é tan doado como introducir unha nova tarxeta bancaria á aplicación de Samsung Pay, permitindo que no momento da súa alta poidamos seleccionar a fonte de ingresos que se empregará (ou sexa, se os cargos chegarán directamente á nosa conta bancaria ou á nosa tarxeta de débito).
Lembremos que na aplicación de Samsung Pay poden gardarse diferentes tarxetas bancarias e de fidelización, manténdose tal información almacenada de xeito seguro no terminal telefónico e protexendo tal información mediante identificación biométrica, converténdose nun xeito moi seguro de administrar os nosos métodos de pagamento (pois tamén temos un historial dos nosos pagamentos) que a partires de agora será aínda máis flexible por poder empregar PayPal coma se fose unha tarxeta bancaria.

PUBLICIDADE