Os segredos da Pontevedra medieval, nun videoxogo xurdido na UVigo

martes, 17 de decembro do 2019 Redacción

A Universidade de Vigo segue a ser un fervedoiro de aplicacións, videoxogos e proxectos tecnolóxicos varios. Hoxe soubemos que do Campus de Pontevedra vén de abrollar un videoxogo para dar a coñecer, dun xeito enriquecedor, dinámico e divertido, o patrimonio medieval desta cidade. O videoxogo, que guía aos usuarios nun percorrido pola Pontevedra máis antiga, achega un desafío concreto: quen se introduza nel, terá que atopar na urbe medieval unha serie de elementos para, ao remate do camiño, resolver un enigma final.
Niso consiste Ponte Veteri, o xogo desenvolvido polo grupo de innovación docente ComTecArt, que integran docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, no marco das accións impulsadas polo Concello de Pontevedra con motivo do 850 aniversario do foro da cidade. Amais disto, o grupo traballou tamén no deseño dunha unidade didáctica para escolares e nunha aplicación que engadirá contidos de Realidade Virtual á exposición O segredo da ponte do Burgo, que se inaugura este xoves ás 18.30 horas no Pazo da Cultura.
Esta serie de iniciativas foron presentadas este martes polo concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda, xunto aos integrantes do grupo ComTecArt Beatriz Legerén e Antonio Pena e a directora artística do xogo, Olaia Ferrando.
No marco desta colaboración entre a Concellería de Patrimonio e ComTecArt, o grupo responsábel dunha iniciativa na que estudantes de CCSS e da Comunicación e da EE de Telecomunicación traballan conxuntamente no deseño de videoxogos, unha das propostas a desenvolver era a de sumar un pequeno complemento tecnolóxico a unha ruta pola parte medieval da cidade. En palabras de Antonio Pena, investigador de AtlantTIC, “conforme comezamos a documentarnos, vimos que había moito material”, polo que optaron finalmente por asociar unha trama a este percorrido, de tal xeito que “o que ía ser un roteiro gamificado pasou a ser un videoxogo”, en cuxo desenvolvemento participaron ex-alumnos de CCSS e da Comunicación, da EE de Telecomunicación e Belas Artes.
Á aplicación, que leva o nome dado á cidade no documento do foro e que estará dispoñíbel nas vindeiras semanas, levará aos xogadores e xogadoras a percorrer, partindo da ponte do Burgo, unha parte da zona antiga da cidade. Segundo explicou Pena, terán que ir camiñando por Pontevedra para poder ir activando elementos e en cada un deles iranse atopando con minixogos, até chegar a un enigma final que hai que resolver.

PUBLICIDADE