Os sectores galego das TIC e do téxtil reforzan as súas canles de colaboración a través do Big Data

luns, 6 de setembro do 2021 S. P.

O Clúster TIC Galicia e a Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (COINTEGA), organizaron o pasado 3 de setembro, en colaboración co IGAPE, unha xornada sobre as posibilidades empresariais e colaborativas entre ambos sectores (TIC e téxtil) que abren as novas tecnoloxías de análise de información a gran escala (Big Data) e de mercadotecnia dixital. Na xornada asentáronse os alicerces de vindeiras e frutíferas colaboracións.
O encontro, emitido en streaming, celebrouse na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e congregou empresas de ambos sectores para dar resposta aos principais desafíos do ecosistema téxtil-moda ligados aos devanditos eidos tecnolóxicos.
Contou coa participación de Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, José Bahamonde, vicepresidente de COINTEGA, e Eladio Otero, subdirector de Desenvolvemento de negocio no IGAPE, que destacaron a importancia de “trazar alianzas entre profesionais de distintos campos de especialización para obter produtos e servizos máis competitivos”. Neste sentido, Rodríguez del Corral lembrou que a Cidade das TIC terá “un centro de demostración de 2.000 m2 e unha sala específica para o sector téxtil".
O relatorio principal da xornada estivo protagonizada por Alex Rayón, vicerreitor de Relacións Internacionais e Transformación Dixital da Universidade de Deusto (Biscaia) e director de Deusto Big Data. Na súa intervención, explicou como as ferramentas de analítica de datos “poden contribuír a mellorar a competitividade do sector téxtil, ofrecendo unha oferta personalizada e adaptada ás necesidades do consumidor, a través de diferentes casos de éxito”.
O evento contou, ademais, con encontros profesionais para impulsar o networking bisectorial, fomentar novas liñas de negocio e a implantación de novas solucións tecnolóxicas que melloren o posicionamento das firmas galegas do sector téxtil-moda.

PUBLICIDADE