Os seareiros da Festa do Albariño xa teñen aplicación móbil actualizada

mércores, 1 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Comezou este 1 de agosto a Festa do Albariño, unha das grandes celebracións da tempada estival galega. E fíxoo acompañada de novas tecnoloxías. Máis polo miúdo, da aplicación oficial da Festa do Alvariño, que vén de ser actualizada polo Concello para que residentes e visitantes poidan tirarlle o máximo partido e, coa axuda da app móbil, non perderse nada do programa do actividades (ou perderse o mínimo).
A aplicación conta co programa completo da festa, así como un apartado adicado á súa historia, as novas relacionadas coa celebración, mapas cos que localizar os diversos eventos e vídeos promocionais.
A ferramenta, para que non o saiba, pódese descargar de balde xa para dispositivos con Android, dende o sitio de Google Play.
Polo que se refire á festividade en si mesma, celebra este ano a súa 66 edición. Inaugurouse hoxe mesmo co pregón de Mercedes Álvarez, presidenta da asociación GaliciAME, e cos actos oficiais presididos pola alcaldesa Fátima Abal, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.
O centro de operacións da celebración é o Paseo da Calzada, que acubilla un total de 42 casetas de venda de viño. A festa estenderase até o domingo.

PUBLICIDADE