Os responsables do virus Here you Have poderían residir en España

luns, 13 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Seguimos a voltas con virus transmitidos a través dun gancho común: e-mails apoiados en vídeos de YouTube sobre cuestións de suposta actualidade. Se hai días falamos do anzol lanzado co gallo dun hipotético rescate en formato audiovisual dos mineiros chilenos, agora é a quenda de Here you Have, un virus que apareceu hai mes e que foi distribuído de xeito multitudinario a través de correo electrónico usando como gancho de enxeñería social a cuestión que lle dá nome. Pois ben, segundo conta PandaLabs., a autoría deste verme, que se meteu mesmo en grandes compañías como Disney, entre outras moitas, foi reivindicada por un grupo de resistencia iraquí, chamado Tariq ibn Ziyad, que podería estar emprazado en España.
Cómpre indicar a este respecto que os días pasados foi localizado en YouTube un vídeo asinado por Iraq Resistence-Leader of Tarek Bin Ziad Group, publicado por Iqziad, de 26 años, residente en España, incluíndo unha voz metálica feminina explicando as razóns que levaron a este colectivo a crear e distribuír o virus chamado Here you have. Segundo se conta no vídeo, o verme foi creado e distribuído para afectar sobre todo a Estados Unidos por dous motivos fundamentais: para celebrar os atentados do 11-S e para reivindicar o respecto á cultura do Islam. O vídeo amosa unha imaxe estática de Andalucía ao carón dunha foto e un escudo, que se cre que sexa identificativo do grupo. O asunto está neste intre en mans do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil. Cómpre lembrar que a hipótese sobre o emprazamento español do dito colectivo tamén se apoia no feito de teren elixido Tarik como nome, un dos militares bereberes que lideraron a invasión musulmá na Península no século VIII.

PUBLICIDADE