Os responsables das aulas CeMIT enriquecen o seu programa formativo con 40 novas actividades

luns, 24 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Aula CeMIT de VerínGrazas á colaboración de axentes TIC e voluntarios dixitais coas aulas da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) estase a desenvolver un Plan de Acción complementaria ao Plan Formativo da Rede, con novas actividades orientadas ás expectativas e intereses dos usuarios locais de cada aula, que nun comezo xa conta con 40 novas actividades que beneficiarán a preto de 500 persoas.
Entre as novas iniciativas figuran actividades como o geocaching, unha gymkhana tecnolóxica baseada en códigos QR, a capacitación para o uso de aplicacións de xeoposicionamento ou a elaboración de materiais e recursos didácticos adaptados ás necesidades das Aulas. Tamén se está a traballar nun concurso para o deseño dun logotipo da Aula, a creación dunha revista dixital, a elaboración de documentos dixitais para a recuperación de oficios e tradicións, a elaboración de blogues ou a posta en marcha dun Campamento TIC dirixido aos máis cativos do concello.
O Plan de Acción tamén contribuirá á capacitación e o intercambio de coñecemento entre os responsables da súa posta en marcha: voluntariado, axentes e dinamizadores das Aulas da Rede CeMIT. Con este obxectivo celebrouse o pasado venres en Compostela a III xornada de traballo do proxecto Estratexias de Dinamización das aulas da Rede CeMIT promovida pola AMTEGA.

PUBLICIDADE