Os responsábeis de Galiza Ano Cero bótanse á rúa para presentar o seu proxecto de televisión en liña

venres, 7 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

Galiza Ano Cero, a nova televisión en desenvolvemento da que falamos hai uns días, dando conta do proceso de recadación de apoios na Rede no que está mergullada, presentou este xoves na Coruña os seus obxectivos, principais liñas de actividade e filosofía. Entre outras cousas, fíxose saber nesta cita (que, cómpre estarmos atentos, completarase en breve con outras en diferentes puntos da nosa xeografía) estamos ante unha canle de TV en liña, sen arela de lucro, independente e que se constrúe entre todas e todos: coma se dunha comunidade 2.0 libre se tratase, todas/os somos potencialmente espectadores, creadores e pequenos produtores. De feito, os seus responsábeis habilitaron o pasado luns 3 de xuño unha campaña de microfinaciamento en Verkami. A iniciativa de procura de apoios xa está a dar bos froitos: dende que saíu á Rede xa acadou case un terzo do orzamento que precisa para botar a andar.
Galiza Ano Cero xa conta con material dispoñíbel: os programas piloto formados por un debate, varias entrevistas e un conxunto de tráilers de promoción. Segundo avanzaron os responsábeis da televisión, serán lanzados durante os corenta días que dura a campaña. Unha vez rematado este período, Galiza Ano Cero comezará a traballar para comezar as súas emisións a partir do mes de setembro, logo do verán. As recompensas derivadas do crowdfunding repartiranse antes, xusto cando remate a campaña. O proxecto comezará as súas emisións con dous programas quincenais, un de debate político e outro de entrevistas. A canle de televisión, engadiron os seus promotores, propón contidos producidos de maneira colectiva e horizontal, sempre en código aberto e con transparencia, difundidos baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento - Non Comercial - Compartir Igual (CC BY-NC-SA).
Galiza Ano Cero, explicouse, é unha comunidade aberta e participativa constituída por diversos grupos de traballo, administrado de xeito colectivo por un banco de tempo e formalmente constituído como asociación cultural. “O banco de tempo xorde como unha ferramenta que permite afrontar todas as tarefas derivadas da produción de contidos de maneira democrática e sustentábel, optimizando esforzos e recursos e permitindo a implicación de calquera”, puntualizouse.

PUBLICIDADE