Os reloxos con Android Wear poden empregarse como disparadores remotos da cámara do móbil

xoves, 10 de xullo do 2014 Marcus Fernández

A aplicación Cámara de Google para Android actualizouse á versión 2.3.019, que non só incorpora melloras de rendemento e correccións de erro e unha nova interface de usuario para Photo Sphere, senón que tamén destacou por incluír control de obturador remoto para reloxos Android Wear, ou sexa, que os reloxos como o LG G Watch e o Samsung Gear Live (aos que sumarase o Moto 360) pode agora empregarse a xeito de mando a distancia para disparar fotografías coa aplicación de cámara oficial de Google.
No smartwatch podemos premer a pantalla para tomar unha fotografía, veremos unha conta atrás e logo poderemos ver unha vista rápida da imaxe, faltando polo momento funcións máis avanzadas como poder empregar a pantalla do reloxo como visor remoto (que parece previsible agardar que chegue nunha futura actualización).

PUBLICIDADE