Os recursos lingüísticos na Rede serán analizados nas Xornadas Internacionais de Lexicografía

luns, 11 de maio do 2015 Redacción

Podemos afirmar con maior ou menor saudade que os dicionarios en papel xa se atopan no andel máis alto de case calquera libraría que nos atopemos, dando acubillo ao po e deixando paso ao seu claro sucesor: a Internet. Atendendo a isto, e co gallo de dar a coñecer as diferentes ferramentas lexicográficas existentes na Internet, así como afondar na revolución que teñen provocado neste eido da Lingüística, xorden o ciclo de conferencias que hoxe e o mércores 13 se desenvolven na Casa das Campás a partir das cinco da tarde, no marco das Xornadas Internacionais de Lexicografía.
Impulsadas pola rede Rede de Lexicografía (RELEX), da que forman parte oito grupos de investigación das tres universidades galegas, entres os que se atopan os grupos Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (TALG) e Léxico e Lexicografía Especializada da Universidade de Vigo, estas xornadas veñen desenvolvéndose desde o mes de marzo cunha serie de relatorios nas universidades da Coruña e Santiago de Compostela. Desta volta, e con Carlos Valcárcel (profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte) como coordinador, chégalle a quenda ao campus de Pontevedra.
Baixo o título de O mundo dos dicionarios, estes relatorios dirixidos tanto a alumnado e investigadores, coma a profesorado de ensino medio e superior interesado no mundo da Lingüística, afondarán en como “a Rede está a mudar o concepto de dicionario, polo que hoxe case deberiamos falar máis ben de ferramentas lexicográficas”, segundo apunta este docente. Hoxe pódense atopar na Rede unha longa serie de recursos, moitos deles de balde, desde dicionarios de estruturas sintácticas, etimolóxicos ou fonéticos, até tradutores automáticos, comunidades virtuais nas que os usuarios consultan e responden diferentes dúbidas lingüísticas ou mesmo “dicionarios abertos e colaborativos, nos que a xente pode editar unha determinada entrada”.
Coa participación da profesora da Universidade da Coruña María Dolores Sánchez, coordinadora da rede RELEX, e da docente da USC María Álvarez, a xornada de hoxe estará centrada nos recursos existentes en lingua galega.
En canto á xornada do mércores, estará centrada na Lingüística computacional, o ámbito adicado á xeración de dicionarios ou outro tipo de ferramentas lingüísticas na Rede e "no que conflúen lingüistas e informáticos”, como apunta Válcarcel. De feito, os conferenciantes da segunda e última parada das Xornadas Internacionais de Lexicografía en Pontevedra serán o informático Alberto Simoes, profesor do Instituto Politécnico do Cávado e do Ave de Barcelos (Portugal), e a lingüista da Universidade Complutense de Madrid Rosa Martín, “que falarán de como extraemos datos da Rede para poder deseñar con eles ferramentas lingüísticas”.

PUBLICIDADE