Os profesionais novos do marketing galego unen forzas nunha nova iniciativa TIC: Purple Shot

martes, 19 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Esta semana soubemos dunha nova iniciativa emprendedora TIC posta en marcha na nosa terra. Trátase de Purple Shot, unha empresa-servizo impulsada por un grupo de universitarios galegos con dous obxectivos principais. Por unha banda, achegar experiencia laboral remunerada a estudantes que teñan interese na publidade, a comunicación e o asesoramento a empresas, e pola outra, lanzar e amosar novas fórmulas de promoción en liña no mercado, “revolucionando o eido do marketing en Galicia”, sinalan os responsábeis da iniciativa. En definitiva, do que se trata é de tirar partido do amplo potencial creativo do noso talento universitario ao servizo das devanditas actividades.
No lanzamento da súa web, arestora en beta pero collendo folgos (en dúas linguas, galego e castelán), esta nova empresa ofrece servizos de balde a empresas galegas en crise “para axudar a rescatalas mediante campañas de imaxe e optimización de procesos”, engaden. Para animar aos profesionais da nosa terra a que boten man do que lles ofrece Purple Shot, dende a empresa informan que será o propio cliente o que fixe o prezo polo servizo realizado, sen ningún tipo de cantidade mínima. Para os estudantes que queiran colaborar, habilitan un apartado na súa web para inscribirse no proceso de escolma, onde recibirán unha serie de casos a resolver para integrárense no seo da iniciativa. Estes son, detallados, os servizos que fornecen os responsábeis da empresa:
· Consultoría de procesos.
· Consultoría de marketing.
· Axencia de marketing. Deseño de estratexias de publicidade, análise de mercado, imaxe corporativa, marketing directo, marketing de guerrilla, marketing de masas, marketing relacional, etc.
· Deseño de páxinas web e tendas en liña. Catálogos e papelería.
· Estratexias e presenzas nas redes sociais. Xestión e asesoramento das empresas na Rede.
· Comunicación: xestión do proceso de comunicación dunha empresa de xeito integral.
· Organización de eventos.

PUBLICIDADE