Os profesionais galegos do eido xudicial estrean Comunidade Virtual de Aprendizaxe

luns, 25 de febreiro do 2013 Redacción

Enmarcada na liña de formación do Plan Senda 2014 para a modernización da Xustiza a AMTEGA pon en funcionamento unha plataforma web para mellorar a capacitación dos profesionais da Administración de Xustiza nas aplicacións informáticas do eido xudicial. Esta nova Comunidade Virtual de Aprendizaxe serve de punto de encontro para a resolución de dúbidas e a ampliación de coñecemento e o acceso sinxelo a toda a información dos cursos e os materiais didácticos das aplicacións informáticas da Xustiza.
A ferramenta conta coa supervisión de 6 profesores especializados nos diferentes sistemas informáticos do eido xudicial, aos que os usuarios poderán expor as súas dúbidas, aínda que os propios profesionais da Xustiza tamén poden participar nesta comunidade para intercambiar información con usuarios do mesmo perfil.
A Comunidade Virtual de Aprendizaxe prevé ampliar funcionalidades no futuro, como a creación dun espazo de aula aberta no que se realizarán titorías e cursos en liña.

PUBLICIDADE