Os produtos descargables suben de prezo en 2015 por mor do IVE

mércores, 31 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Tal e como comentamos onte co gallo das novas condicións de uso das tendas de descargas de Apple, lembramos que mañá comeza a aplicarse a directiva europea 2008/8/EC que afecta ao subministro de servizos no ámbito da Unión, o que afectará aos bens dixitais, mudando o prezo final dos mesmos a través da aplicación dun novo marco para o IVE, que será o do país no que se atope o comprador, que no caso de España é do 21%, mentres que moitas das tendas de descargas aplicaban actualmente un tipo do 3% ou do 15%.
A suba de prezos afecta a numerosas plataformas en liña, de xeito que dende os libros electrónicos comercializados por Amazon na súa plataforma Kindle, como as aplicacións móbiles para iOS, Android ou Windows Phone verán incrementados os seus prezos á vez que tendas como Google Play están a forzar aos usuarios a completar os seus datos persoais para poder determinar onde está a súa vivenda habitual para poder determinar o tipo impositivo correspondente.
Esta medida prexudica aos petos dos consumidores, pero beneficia aos estados, xa que agora o IVE das compras realizadas polos españois en servizos en liña asignaranse ás arcas españolas, o que tamén busca evitar a competencia desleal que supuña a domiciliación de empresas en liña en localizacións como Luxemburgo, nas que se cobran menos impostos.
Para que unha tenda poida determinar o país do comprador precisará saber 2 dos seguintes datos: enderezo de facturación, enderezo IP, xeolocalización do ordenador, localización do banco do cliente e número de país da tarxeta SIM empregada polo cliente. No caso de existir inconsistencias, o número de datos tería que ser de tres.
Música, películas, videoxogos e aplicacións descargables non serán os únicos produtos afectados, senón que tamén as revistas en liña, os servizos de aloxamento web, as apostas en liña ou os espazos publicitarios terán que someterse ao novo marco tributario. Cómpre lembrar que o que podemos entender como produto descargable está considerado como servizo, de aí que os libros electrónicos non poidan acollerse ao IVE reducido do 4%.

PUBLICIDADE