Os prezos da telefonía móbil en España seguen baixando

martes, 27 de setembro do 2011 Raquel Noya

As novas sobre telefonía móbil que se deron a coñecer no que levamos de mes, foron unha verdadeira caixa de bombóns para os usuarios desta tecnoloxía en España, sobre todo para os que estamos pagando unha media de máis de 50 euros nas nosas facturas, que vimos como paseniñamente se estaban a dar pequenos cambios que favorecerían a rebaixa das nosas tarifas.
O xurdimento na Rede de operadores low cost de telefonía móbil como movilToday, que por certo este venres anunciou unha nova tarifa @Light para falar e navegar por 2,4 euros o minuto; MasMovil; Simyo ou Zeromovil, entre outras moitas, fixo que as grandes operadoras reduciran un pouco as súas tarifas, e que os prezos que pagamos polas nosas chamadas sexan cada vez un pouco menos caras (que non “máis baratas”).
Esta é unha tendencia que, segundo informan na sección de Economía de El Mundo.es, “seguirá á baixa”, baseándose nun informe sobre o mercado da telefonía móbil realizado pola consultora Neoris, que estudou a política comercial dos sete operadores máis representativos de España: Movistar, Vodafone, Orange, Yoigo, e os virtuais, Simyo, Pepephone, e MasMovil.
A conclusión do estudo é que os prezos máis baratos son os que ofrecen as compañías virtuais, algo que xa supoñíamos, excepto no caso das tarifas planas de voz e as de voz e datos, onde Orange “é a máis competitiva”.
Como dato interesante, a Comisión Europea sinalou a España “como o país máis caro en telefonía e servizos de telecomunicacións”, con tarifas un 60 por cento máis caras que no resto da UE.

PUBLICIDADE