Os portátiles para os nenos de países en vías de desenvolvemento xa se poden probar grazas á emulación do seu sistema operativo

mércores, 22 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Os portátiles do proxecto OLPC, coñecidos coma XO, e promovidos por Nicholas Negroponte, están no punto de mira de medio mundo, ó pretender ser unha solución económica (finalmente custarán 140 dólares) para levar equipos informáticos a nenos de países en vías de desenvolvemento, e agora están de actualidade xa que na Internet amosaron a súa interface de uso e incluso as instrucións para simular o seu funcionamento dende ordenador con Windows ou Mac OS X.
Seguindo as guías que hai na Rede, é posible instalar o sistema operativo do XO para probar as súas funcionalidades, polo que os interesados poden adiantarse á chegada de unidades físicas deste portátil que xa comezou a súa produción. De feito, xa hai 1.000 unidades na liña de montaxe, o que permitirá probar equipos reais en condicións moi adversas e fronte a agresións como a caída a distintas alturas ou manipulación por parte de cativos, de xeito que se constante a resistencia dos portátiles. Tamén se remitirán unidades ós desenvolvedores de software para que proben as aplicacións que executarán os XO.

PUBLICIDADE