Os percorridos virtuais sobre a Xeración Nós xa chegaron a preto de 3.000 estudantes

martes, 22 de decembro do 2020 Redacción

O libro Arqueoloxía do noroeste peninsular en tempos de Nós, impulsado polo Goberno galego e o Seminario de Estudos Galegos, foi presentado este martes 22 na sede da Delegación de Ourense polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. A obra, incide na importancia da Xeración Nós para o desenvolvemento dos decisivos e determinantes estudos que sacaron á luz os vestixios, pegadas e sinais da nosa historia. Enmárcase nas actividades programadas con motivo do centenario da revista Nós. Na presentación fíxose balance da actividade online xerada polo programa conmemorativo deste centenario. Informouse, por exemplo, dos preto de 3.000 estudantes que se achegaron ao legado dos intelectuais homenaxeados a través das novas tecnoloxías grazas aos percorridos virtuais para centros educativos.
O libro presentado este martes estruturase en nove capítulos e reflicte o movemento pioneiro da Xeración Nós no ámbito literario e científico. O primeiro capítulo céntrase na Prehistoria, mentres que os catro seguintes analizan a figura de López Cuevillas como pioneiro do coñecemento científico sobre a cultura castrexa, investigador da prehistoria e colaborador sobre o mundo romano e etnógrafo. Os demais capítulos afondan na relación da Xeración Nós coa arqueoloxía do norte de Portugal e coa investigación arqueolóxica na Coruña, en Lugo e en Pontevedra.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou “o importante papel que xogou Florentino López Cuevillas no eido da arqueoloxía galega”. De feito, as súas importantes achegas quedan reflectidas no libro, xa que catro dos noves capítulos totais, están dedicados a súa figura. Doutra banda, Anxo M. Lorenzo explicou que “tanto o Museo Arqueolóxico de Ourense como o Castro de San Cibrao de Las, están moi unidos ao traballo de Cuevillas”.
Exposición e nova web
O lanzamento desta publicación enmárcase nos actos impulsados pola Xunta con motivo do centenario da Xeración Nós, unha efeméride que se vén celebrando ao longo de todo o ano co obxectivo de poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron estes referentes culturais.
Así, a programación deseñada para esta conmemoración que se alongará ata 2021 está composta por publicacións, homenaxes, recoñecementos e exposicións entre as que se atopa a creación dunha páxina web que aglutina todos os contidos do universo Nós, (revistanos.galiciana.gal), ou a exposición Galicia, de Nós a nós, a gran mostra sobre os intelectuais que forxaron o galeguismo do século XX e que reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas procedentes de España, Francia, Alemaña e Portugal e que desde a súa inauguración, o pasado mes de outubro, xa foi visitada por máis de 10.000 persoas de xeito presencial. A esta cifra súmanse os preto de 3.000 estudantes que se achegaron ao legado de Nós a través das novas tecnoloxías grazas aos percorridos virtuais para centros educativos. En total, participaron nesta actividade 50 centros de toda a Comunidade.
O Grupo Nós
O 20 de outubro de 1920 naceu na cidade de Ourense a revista Nós. Arredor dela xurdiu un grupo de autores literarios que, a partir da Asemblea de Monforte (1922), fóronse integrando nas estruturas das Irmandades da Fala. A revista Nós estaba conformada principalmente na súa orixe polos integrantes do cenáculo ourensán (Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antonio Losada Diéguez e Florentino López Cuevillas) e máis o intelectual, artista e político rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Nos anos seguintes a revista verá chegar novos autores.
Baixo a denominación de Xeración Nós ou Grupo Nós inclúense polo tanto os autores vencellados á devandita revista. Teñen en común ter sido dinamizadores activos da cultura e a lingua galegas, amais de estaren moi involucrados no eido político do seu tempo, ligados principalmente ao Partido Galeguista, que contribúen a crear.

PUBLICIDADE