Os participantes en Yuzz Santiago tentarán pór en marcha un proxecto innovador con cinco euros de capital

luns, 13 de febreiro do 2017 Redacción

O Centro Yuzz Santiago impulsa e promove a celebración este martes en Compostela dun desafío innovador (innovador tanto na forma, coma no contido, coma na meta a perseguir). Trátase, máis en detalle, do Reto dos 5 euros, unha simulación empresarial exprés na que os corenta participantes da aceleradora de proxectos innovadores Yuzz Santiago, divididos en equipos de dúas persoas, terán que enxeñar un modelo de negocio innovador e potencialmente rendíbel a partir dos mínimos recursos. Neste caso, un capital semente de cinco euros. Os ingredientes, a parte deste orzamento de partido, terán que ser cadanseu maxín e creatividade.
O método do desafío, ideado por Tina Seeling (directora executiva do Standford Technology Ventures Program (STVP) na Universidade de Standford), parte da base de esixir aos participantes uns prazos e un emprazamento concreto de traballo, xeralmente unha zona altamente comercial e transitada dunha cidade. Tendo en conta isto, Yuzz Santiago elixiu para a actividade do martes a rúa Algalia de Arriba como “enclave estratéxico”. Concretamente a contorna do número 29 e no horario que vai das 16.00 ás 20.00 horas. As/os vencedoras/es do reto serán aqueles participantes que máis diñeiro gañen co capital devandito e o seu enxeño. A asociación de comerciantes de Compostela Monumental colabora coa cesión do local e coa difusión da proba nos medios e comercios do casco vello.
Como lembraremos, o programa Santander Yuzz Xente Nova con Ideas, no que se insire Yuzz Santiago, é unha oportunidade para formarse de maneira gratuíta e adquirir habilidades profesionais e os coñecementos precisos para sacar adiante unha idea empresarial innovadora e de base tecnolóxica, da man de expertos de primeiro nivel. Xunto á formación presencial en innovación, liderado, finanzas, mercadotecnia ou modelos de negocio, entre outros contidos, hai un equipo de titores que se encarga de asesorar aos participantes durante todo o programa.
Unha vez finalizado o proceso de formación, os mellores emprendedores de cada un dos centros viaxarán a Silicon Valley, en palabras dos organizadores do programa “a meca mundial da innovación”.
Ademais, o tres mellores proxectos de todo o ámbito estatal recibirán unha dotación económica para axudarlles a pór en marcha o seu negocio: 30.000 euros para o primeiro premio, 20.000 euros para o segundo e 10.000 euros para o terceiro; ademais dos premios nacionais outorgarase o premio Yuzz Muller dotado con 20.000 euros.
Este Programa está promovido por Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) e conta coa colaboración, a nivel local, da Universidade de Santiago de Compostela e da Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia. O programa desenvólvese en máis de 50 cidades con centros de formación propios en cada localidade. Nel participan, tamén, A Coruña e máis Lugo.

PUBLICIDADE