Os pais de Internet avogan por unha Internet máis segura e popular

xoves, 23 de abril do 2009 Raquel Noya

O Palacio Municipal de Congresos de Madrid, que durante toda esta semana alberga o Congreso Internacional World Wide Web, WWW 2009 por primeira vez na historia do noso país, tivo o privilexio de dar acollida a dúas das persoas que máis influíron na creación da Rede de redes e ás que máis lles debemos agradecer o feito de que hoxe poidamos facervos chegar esta nova a través do noso portal: Tim Berners Lee e Vint Cerf, os mundialmente coñecidos como “pais” de Internet.
Coincidindo co 20 aniversario do nacemento da Word Wide Web, o que fai deste Congreso unha cita aínda moito máis interesante se cabe, Berners Lee e Cerf achegáronse á capital para dar conta dos seus coñecementos e opinións en torno a este novo medio de comunicación que coñecen como ninguén no mundo e, como era de agardar, a súa visita non deixou a ningún asistente indiferente.
O creador da Web, que avoga pola sinxeleza e a modularidade, declarou que desexa que a web se desenvolva seguindo un modelo “extensible e modular, onde os datos e arquivos se interconecten dunha maneira doada”. Para isto, engadiu, é preciso contar cunha “tecnoloxía clara, que simplifique as cousas”.
Asemade, o artífice da Web, nomeado onte doctor honoris causa xunta a Vinton Cerf, pola Universidade Politécnica de Madrid, insistiu en que será esa interconexión de datos “a que propicie a aparición da Web 3.0”.
Berners-Lee coincide con Vinton Cerf e outros expertos, no potencial que teñen as tecnoloxías móbiles para achegar Internet a aqueles que aínda nunca tiveron unha experiencia web e este último engade que “habería que crear novas formas de interacción cos contidos, como pode ser a voz”.
Cerf engadiu que ve “un futuro con máis Internet, máis usuarios, máis móbiles, e un acceso máis rápido”, nembargantes, asegurou que nunca antes tivera acceso a tanta información de xeito tan rápido e en calquera lugar.
Ademais dos relatorios propiamente ditos, tanto o pai de Internet como o da Web tiveron tempo para dar conta dalgunhas anécdotas (para deleite dos alí presentes) e o propio Lee admitiu ter sido vítima dun fraude en liña había poucos meses, algo que, no seu momento, lle fixo reflexionar sobre o futuro da web.
Neste senso, declarou, que lle gustaría que a Rede medrase “con orde e limpeza”, aínda que admitiu que iso era “o máis difícil”.
Para rematar, Lee describiu cal era o seu soño, que vindo dunha persoa coma el, non podía ser outro que “facerlle unha pregunta a un ordenador conectado e que vaia aos índeces e me dea unha resposta acertada e comprensible”.
O tempo diranos se Berners-Lee cumpre o seu soño.

PUBLICIDADE