Os organizadores da Kutruparty informan dos froitos acadados pola xuntanza en liña galega

xoves, 30 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

En cuestión de encontros informáticos para a xuventude galega, o eixe de actividade hai tempo xa que se asenta en boa medida na vila da Estrada: máis polo miúdo no evento de nome Kutruparty, reunión de mocidade en liña que organiza cada ano a Asociación de Usuarios de Software Libre da localidade pontevedresa (AUSLAE) e que na súa máis recente convocatoria, a sexta, acadou cifras récord de implicación. Precisamente para dar contar delas e achegar agradecementos polos éxitos acadados, a organización (que matina xa na súa vindeira achega, do 4 ao 8 de decembro deste ano) vén de publicar un dossier-memoria a toda cor con fotografías e textos detallados sobre os obxectivos deste encontro e a repercusión acadada nos medios. Asemade, o traballo informativo funciona como material conmemorativo dun encontro, a Kutruparty, que se fixo grande e, como tal, apuntou na sexta edición máis alto ca nunca: conseguíronse máis e mellores servizos no recinto de actividades, máis satisfacción por parte dos asistentes, a mellor das imaxes posibles, fonda cobertura entre os medios de comunicación e máis número de inscritos. “O éxito foi tal”, dise no dossier, “que conseguimos chegar á cifra de 300 asistentes, enchendo o cupo previsto para a edición e acadando así un éxito sen precedentes”.
Pero as cifras non rematan aí. En cuestión de asistencia de público en xeral, logrouse que o sistema aberto de acceso á Rede sen fíos, a cafetería aberta todo o día ou a opción de probar plataformas tecnolóxicas e asistir a obradoiros e actividades fosen un reclamo de primeira orde para as máis de 200 persoas que visitaron a Kutruparty durante os catro días de duración do evento. Asemade, emitíronse dende a organización arredor de 20 comunicados de prensa, habilitouse unha hora diaria de conexión pola radio, co que se conseguiu, entre outras cousas, que a Kutruparty figurase nos titulares dunha chea de medios tradicionais e dixitais de ámbito local, galego e estatal (na memoria inclúese un detallado estudo desta repercusión nos medios). Entre as actividades e obradoiros que se celebraron ao abeiro da xuntanza en liña, cómpre salientar o éxito acadado polo taller de robótica (ObradoiroBot) que organizou o Grupo de Sistemas Intelixentes da USC (e que incluíu unha máquina intelixente a disposición dos participantes) ou o interese xerado pola mostra activa de modding (personalización do computador) que dirixiu Adrián Novegil. Amais disto, celebráronse charlas (como a que correu a cargo do Grupo de Usuarios de Mac de Galicia sobre os segredos dos sistemas operativos de Apple, ou a que dirixiu Carlos Puente, da AUSLAE, sobre os principios básicos de Ubuntu), unha sesión de iniciación á robótica e concursos de lanzamento de CD, blogs ou Scene.
Por certo que entre as actividades que máis repercusión tiveron sitúase El Kubo, un recinto de participación no que chegaron a implicarse a totalidade dos mozos e mozas inscritos e do público visitante. O Kubo, asemade, reuniu a 70 participantes en competicións oficiais e serviu para poñer a propios e estraños na pel de músicos (guitarristas), tenistas ou golfistas, “emulando en todo detalle aos seus ídolos”, sinálase na memoria-dossier. Por certo que nesta tamén se dá conta do poder de convocatoria asociativo da party: nela tomaron parte activa colectivos como o DC-Team, o Grupo de Usuarios de Mac ou Os Arquivos da Meiga, coñecidos estes últimos polas súas achegas desinteresadas na Web en materia de dobraxe e subtitulado de películas ao galego.

PUBLICIDADE