Os obradoiros de Camp Tecnolóxico chegan novamente a Vigo

xoves, 23 de marzo do 2017 Redacción

A iniciativa Camp Tecnolóxico, un programa itinerante de campamentos-obradoiros tecnolóxicos para nenas e nenos de entre 4 e 17 anos, vai abranguer novamente a nosa terra (logo das experiencias previas en Vigo e Nigrán) nas súas xeiras de divulgación e traballo colaborativo arredor da robótica educativa, a programación, os videoxogos, os drons ou as impresoras 3D. Os campamentos levaranse a cabo durante a Semana Santa en Madrid, Barcelona, Pamplona-Iruña, Euskadi e, como dixemos, Galicia.
Os obradoiros galegos de Camp Tecnolóxico desenvolveranse en Vigo, e serán talleres dirixidos a nenas e nenos de entre 7 e 13 anos, que poderán elixir actividades como programar o seu primeiro robot con Lego Mindstorm ou aprender conceptos básicos da robótica con Lego WeDo (A aventura da robótica).
Os campamentos-obradoiros de Vigo celebraranse na sede AJE no número 21 da rúa Marques de Valadares. As datas son 10, 11 e 12 de abril, e tamén o 17 de abril (opcional). O horario, de 10.00 a 14.00 horas (no último día do campamento haberá unha hora de portas abertas, de 13 a 14.00 horas, para que as familias poidan ver o traballo dos participantes durante as xornadas previas).
Para quen non o saiba, Camp Tecnolóxico é un proxecto educativo nado en 2011 en Bilbao co obxectivo de fornecer formación científica e tecnolóxica ás nenas e nenos e, tamén, coa finalidade de facer reflexionar a nais, pais e profesorado sobre a “implícita necesidade que teñen de complementar a educación dos seus fillos cos ámbitos da robótica, a programación, a intelixencia artificial, as matemáticas ou a enxeñaría. O seu foco é mellorar as habilidades de crianzas e adolescentes nestas áreas e con iso, “aumentar as súas probabilidades de éxito académico e profesional futuro”.

PUBLICIDADE