Os obradoiros argalleiros de CreaR chegan este sábado a Ferrol

martes, 28 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Quen queira pasar a fronteira de ser simple usuaria ou usuario de tecnoloxías avanzadas para converterse, tamén, en argalleira/o, vai ter unha boa oportunidade para evolucionar neste punto da man da operadora galega R. Ao abeiro do seu proxecto educativo-tecnolóxico CreaR para pequenos e maiores, o sábado 1 de xuño comezan en Ferrol (e até finais de ano noutras localidades da nosa terra) os obradoiros de robótica e as charlas didácticas da operadora, nas que se vai poñer o foco, novamente, nas bondades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se se fai un bo uso delas.
Como lembraremos, os obradoiros de CreaR están dirixido a pequenos (mostrándolles os beneficios estimularen as súa capacidades pola vía da programación, a robótica e a Intelixencia Artificial) e maiores (achegándolles recomendacións, pautas e claves para teren unha alfabetización dixital axeitada e garantirlla, tamén, á xente máis nova).
A nova andaina do programa comezou os días pasados no Fórum de Carballo e proseguen agora en Ferrol, na Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, en horario de 11.00 a 13.00 horas.
A nova etapa de CreaR, incluída a cita de Ferrol, inclúe varias vertentes. En primeiro lugar, retómanse os obradoiros de robótica para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, cos que se quere “potenciar a creatividade dos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias como o traballo en equipa ou a oratoria”. Segundo informa R, o proxecto temático destas novas xeiras será a programación e construción dunha cidade, incluíndo cousas como un coche con plastilina condutiva (con luz de seu), un semáforo programado ou unha barreira de acceso. Estes obradoiros terán dúas horas de duración e neles terán cabida un máximo de 30 nenas e nenos. “O noso obxectivo”, explican dende R, “é achegarlles unha experiencia divertida para gañaren en seguridade e dar saída ao seu talento”. Ao carón disto, porase o foco nos valores do emprendemento e nos alicerces dos conceptos STEAM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas.
Para desenvolver ao máximo os ditos obxectivos, a operadora volverá contar coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores e o seu innovador método educativo.
A maiores, os obradoiros CreaR tamén terán contidos para nais, pais e docentes, que poderán escoitar (mentres a rapazada se divirte e crea) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e das redes sociais. Estas charlas sobre temas diversos desenvolveranse en espazos adxacentes aos talleres CreaR e están pensadas para un máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións estará o equipo de Sherpa Digital, resolvendo dúbidas sobre a contorna dixital.
Os obradoiros e as charlas do programa CreaR arrincaron a súa andaina o pasado 23 de febreiro en Carballo, e de aí até o final de ano visitan localidades como Ferrol, Viveiro, Nigrán, Coruña, Pontevedra, Cangas, Cambre ou Lugo.
O proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada mes.
Os obradoiros enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

PUBLICIDADE