Os números 905 inclúen esta semana máis datos sobre prezos e servizos

luns, 19 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

Segundo informa o Goberno, os números desinformadores por excelencia, os 905, adoptarán a partir desta semana unha face moito máis fiable e, sobre todo, menos enleante. Así se fixa polo menos no Código de Conduta que regula os devanditos números como servizos de tarificación e que entrará en vigor a partir da medianoite deste mércores 21 de outubro. A partir dese intre, informa o Ministerio de Industria, os responsables destes servizos estarán obrigados a cumprir unha serie de requirimentos dirixidos a garantir “unha maior información aos usuarios”.
A medida remóntase a decembro de 2008, cando o dito departamento do Goberno central decidiu aprobar a declaración das ditas liñas como servizos de tarificación adicional, sendo unha das súas principais características o reparto en dúas partes do prezo da chamada: unha cantidade vai dar ao operador de telefonía e o resto se lle abona ao titular de servizo pola participación do usuario.
O Código de Conduta, en realidade, é un engadido a unha serie de dereitos xa en vigor, entre os que se conta a posibilidade de desconectar a liña de comunicación con estes números (coa axuda da operadora, que impedirá facer chamadas aos 905 dende a súa liña) ou o desglose nas facturas. Entre as novidades atopamos a clasificación dos servizos (entre televoto e servizos de lecer), a posibilidade de recibir por cada chamada unha locución que nos informe do prezo da mesma ou a inclusión de rótulos nos programas de televisión que fagan uso dos 905 e nos que se acheguen datos sobre o número de chamadas recibidas polo concurso nos últimos dez minutos (cos que disporemos de máis datos sobre as posibilidades reais de acceder ao concurso).
Asemade, o Código incorpora a obrigatoriedade de facer figurar prezos e servizos na publicidade destes números e un sistema para evitar que se chame de xeito compulsivo aos concursos sen contar previamente coa información precisa.

PUBLICIDADE