Os novos trebellos de Pioneer ou Philips integrarán conectividade a Spotify

xoves, 5 de setembro do 2013 Redacción

Xigantes históricos da electrónica e do son como Denon, Hama, Marantz, Philips ou Pioneer están a anunciar acordos con Spotify, servizo de música en streaming, destinados a integrar a conectividade a esta plataforma nun bo número dos seus novos dispositivos a través do software Spotify Connect, un recurso que se vai presentar polo miúdo no salón IFA de Berlín e que subministraría un novo xeito de enfrontármonos coa nosa música preferida. Este programa, informa Pioneer, unha das directamente implicadas, achega entre outras cousas “unha revolucionaria experiencia de home audio que permite aos usuarios controlar a súa música de maneira sinxela desde calquera smartphone, tablet ou aparello de música doméstico”.
No que se refire a Pioneer, o software en cuestión virá integrado de serie nunha ampla gama de dispositivos, entre os que se inclúen os novos Receptores AV de 2013 (do VSX-528 en diante), o Receptor Slim VSX-S510, a liña completa de altofalantes sen fíos SMA e o recentemente anunciado Microsistema Slim X-SMC55.
Segundo explican Spotify e Pioneer, Spotify Connect permite envorcar as listaxe de reprodución do servizo de streaming nos dispositivos Pioneer de Home Audio dun xeito simple, sendo o propio trebello doméstico o que accede ao servizo de Spotify a través da súa conexión a Internet, xa sexa sen fíos ou a través deles, funcionando o dispositivo móbil como un controlador do contido, o que supón que a falta de sinal deixe de ser un atranco para a continuidade do servizo. “Así, explícase, “o usuario poderá recibir chamadas, interactuar con xogos ou ver vídeos dende o seu dispositivo e sen que a reprodución de música se vexa interrompida, ao que cómpre engadir que ao non haber transferencia de datos entre o trebello móbil e o doméstico, Spotify Connect non remata coa batería do primeiro”.

PUBLICIDADE