Os novos procesos de xestión e a loxística intelixente, polo miúdo en Arteixo

mércores, 16 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Para quen pense que xa chegou a pausa de verán en materia de actividades TIC, dicirlle que a cousa non é tan así. De feito, semella máis ben o contrario: que o número de citas e eventos redobrouse. Sen ir máis lonxe, este xoves 17 de xullo temos un encontro duplo coas novas tecnoloxías digno de ser tido en conta. Falamos de dúas novas achegas do programa de obradoiros de balde da Rede de Innovación de Arteixo, obradoiros accesíbeis para toda a poboación. De 10.00 a 12.00 horas, no Centro Arteixo Innovación, celebrarase o taller experimental Mellora os teus procesos de xestión a través das ferramentas TIC; e pola tarde, de 16.00 a 18.00 horas, impartirase a conferencia A loxística intelixente no sector industrial. O almacén 2.0. A inscrición en ambos obradoiros fica aberta na web da Rede de Innovación de Arteixo.
Respecto do primeiro dos obradoiros, dicir que se sustenta sobre a seguinte realidade: a integración en plataformas únicas de xestión, no seo das empresas, de boa parte das actividades que até o de agora aquelas realizan de xeito independente. Isto foi posíbel, sinala a Rede de Innovación, grazas sobre todo aos avances tecnolóxicos e á sofisticación dos sistemas de xestión postos en xogo ao longo destes anos recentes. O obxectivo do primeiro dos talleres é botar luz sobre estes cambios e sobre recursos relativamente novos como os sistemas integrais de xestión (por exemplo os ERP), que se “converteron en potentes ferramentas que fan máis doado o traballo dos autónomos, as PEME e as grandes empresas”, e que adoitan abranguer en postos de mando centralizados accións de mercadotecnia, de facturación, de domiciliación de recibos, de comunicación electrónica ou de xestión do coñecemento.
Domingo Cabarcos e Ramsés González, responsábeis da empresa Distrito K, dirixirán o taller experimental Mellora os teus procesos de xestión a través das ferramentas TIC, durante o que se salientarán as vantaxes e oportunidades deste tipo de sistemas para grandes e pequenos empresarios. Detallarán así mesmo aplicacións sectoriais e exporán casos prácticos de uso.
Polo que atinxe á segunda das actividades previstas para este xoves, sinalar que a súa finalidade é achegar unha xanela aos avances tecnolóxicos recentes en materia de loxística (almacéns intelixentes, sistemas de reconto e seguimento, actividades de picking, etc). Así, a conferencia servirá entre outras cousas para afondar en todas as solucións innovadoras aplicábeis ao almacén do século XXI, indagando ao mesmo tempo nas tendencias dos vindeiros anos. O obradoiro estará dirixido por Alejandro Diez, responsable comercial de Mecalux, entre as 16.00 e as 18.00 horas.

PUBLICIDADE