Os novos camiños da música nas canles dixitais, a debate en Culturgal

mércores, 24 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Se falamos de cultura do noso tempo, falamos por forza de redes, canles e plataformas dixitais do coñecemento. Ben para expoñer as súas virtudes, ben para afondar nas súas carencias á hora de dar acubillo e impulsar a información. Os días pasados Código Cero fixo mención de Culturgal 2010 (que chega á súa terceira edición en Pontevedra malia a falta de apoios institucionais) e da súa vertente máis tecnolóxica: servirá de palestra á presentación de innovadores videoxogos (incluíndo control baixo ondas cerebrais) ou dispositivos inéditos do audiovisual. Por certo que unha boa parte deste compoñente virá da man da asociación galega EGANET. Pois ben, cómpre engadir agora que a feira, programada para os días 26, 27 e 28 de novembro, tamén servirá para avaliar en detalle a influencia das ferramentas do coñecemento na creación, promoción e distribución da nosa música.
Deste xeito, amais das actividades que terán acubillo no faiado (un recinto de Culturgal reservado para as propostas emprazadas á marxe da industria cultural e que servirá para albiscar novos horizontes), a feira acollerá na xornada do sábado, a partir das 10.00, un debate profesional aberto ao público sobre o presente e futuro do sector musical. O foro, no que participarán as asociacións Agaphono e Agem, afrontará os desafíos dos nosos selos e os nosos creadores no contexto da crise económica que estamos a vivir, unha situación que obriga á pescuda de camiños tecnolóxicos que, ademais de favorecer a promoción, sirvan tamén para romper cunha excesiva dependencia institucional.
Participarán Francisco Javier Viéitez Cendón, vicepresidente de Agem; Sergio Lago, representante de Aghapono; Raul Abeledo, economista; Leo Garcia-Boadilla Prosper, avogado; Felix Lozano, ideólogo; Juan Carlos F. Fasero, director da AGADIC; e Joaquim Balas, representante da Asociación Profesional MUSICA PT. É compromiso dos organizadores ofrecer un documento conclusivo ao final do encontro.

Quen está detrás de Culturgal?
A Asociación Culturgal, creada o 22 de xullo de 2010 polas máis importantes asociacións profesionais da industria cultural galega, afronta a organización da terceira edición da Feira das Industrias Culturais, “co obxectivo de garantir a súa continuidade e asentar unhas liñas de traballo sólidas”. Forman parte desta plataforma a Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), a asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI).
Patrocinan Culturgal 2010 a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Concello de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. A Feira conta, ademais, co apoio do Proxecto Creativa, programa levado a cabo de forma conxunta pola Axencia Galega das Industrias Culturais e a Direcção Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués, financiado cos fondos FEDER da UE e pertencente ao Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).

PUBLICIDADE