Os nosos profesionais amosarán casos de éxito e vieiros de cooperación no Día do Emprendedor

martes, 21 de maio do 2013 Redacción

A Consellería de Economía, a través do IGAPE, vai organizar o vindeiro 28 de maio unha xornada que colle de preto a calquera dos nosos profesionais que teña proxectado, a curto ou medio prazo, pór en marcha unha iniciativa tecnolóxico-dixital de mercado. Falamos da nova edición do Día do Emprendedor de Galicia, unha iniciativa de tipo xenérico que, porén, inclúe no seu programa certos recursos e achegas de asesoramento para materializar proxectos tecnolóxicos. De feito, no programa interveñen a axencia AMTEGA, Blusens ou WeKAb (responsábel do portal de servizos para a formación WeKCo). A nivel xeral, o obxectivo da xornada é subministrar a emprendedores e novos empresarios habilidades e recursos para afianzárense no mercado.
Segundo avanza o IGAPE, o Día Emprendedor celebrarase no Pazo de Congresos de Santiago e abranguerá itinerarios para amosar exemplos de emprendemento con éxito, para promover novas oportunidades de creación de empresas ou para amosar as diferentes vías de acceso ao financiamento. Tamén se adestrará a novos emprendedores nas habilidades precisas para materializar un proxecto e falarase sobre a importancia e as posibilidades da cooperación.
A xornada contará cun relatorio de Pilar Jericó, especialista en estratexia e organización de empresas, profesora en escolas de negocio no Instituto de Empresa, ESADE e Universidade Carlos III, e autora de textos de referencia no ámbito da xestión empresarial e, especialmente, no referido á xestión do talento. Todos os que desexen participar no encontro poden inscribirse na web do mesmo, no que se fornece de información detallada sobre as distintas actividades que se desenvolverán ao longo da xornada.

PUBLICIDADE