Os nosos concellos xa poden inscribirse no programa de nómades dixitais INECO RuralTIC

mércores, 13 de setembro do 2023 S. P.

INECO RuralTIC regresa aos pequenos municipios de España. A enxeñería e consultoría do Ministerio de Transportes, Mobilidad e Axenda Urbana, INECO, abriu o prazo para que concellos de menos de 10.000 habitantes poidan inscribirse neste programa que comezará a súa segunda edición en novembro. Un dos obxectivos é permitir que “todas as persoas residentes do mundo rural estean en disposición de teletraballar”. Tamén se busca impulsar a dixitalización social e económica das contornas non urbanas do ámbito estatal.
Para este cometidos, INECO distribuirá os seus “nómades dixitais” nos municipios seleccionados, onde desenvolverán tarefas de dixitalización social e económica enfocadas aos habitantes e pemes locais, á vez que seguirán a desenvolver o seu traballo diario en remoto. “Así, ademais de demostrar que o teletraballo pode converterse nunha poderosa ferramenta de dinamización do mundo rural, os nómades dixitais póñense ao dispor do municipio para contribuír a mellorar as necesidades relacionadas coa tecnoloxía”, sinalan dende INECO.
Dixitalización social e económica
INECO RuralTIC baséase na dixitalización como “panca de transformación social e económica”. Para este reto, a compañía tirará proveito da súa longa experiencia no sector grazas a un equipo dedicado a este ámbito de máis de 800 profesionais e a unha ampla actividade de negocio.
O primeiro eixo desta iniciativa consiste na dixitalización social, con formación e apoio no uso das novas tecnoloxías aos habitantes do medio rural, con especial foco na poboación maior. Así, os nómades dixitais de INECO poñen a servizo dos habitantes distintos obradoiros presenciais, como por exemplo o manexo de servizos online para a realización de trámites administrativos: xestión de citas médicas, banca electrónica… así como formación para coñecer aspectos sobre a seguridade na Internet ou a pegada dixital. Ademais, hai xanelas de atención personalizadas en función ás necesidades específicas dos participantes
O segundo eixo, a dixitalización económica, achegará apoio e asesoramento ao tecido empresarial rural, a través do posicionamento dixital, con apoio á creación de servizos en liña. A atención céntrase “nunha aplicación práctica de ferramentas que poden optimizar a actividade de pequenas e medianas empresas, como pode ser a apertura dunha páxina web ou o uso de perfís en redes sociais para o posicionamento no mundo dixital”.
INECO RuralTIC 2.0 é a nova edición deste programa que durante o pasado ano, ao longo de sete meses, conseguiu chegar a 39 municipios grazas a 80 nómades dixitais que de forma graduada percorreron preto de 60.000 quilómetros. Un labor que despregou polo territorio nacional case 350 talleres de dixitalización para chegar a máis de 2.300 persoas, así como a 252 pemes.
O programa está dirixido a todos os municipios de menos de 10.000 habitantes que cumpran uns requisitos de partida: aloxamento para hospedar aos nómades dixitais e espazos para a realización de obradoiros, ambos con conexión 4G.
Os municipios poden inscribirse aquí ata o 30 de setembro para poder avaliar a súa candidatura.

PUBLICIDADE