Os nosos balnearios chegarán aos centros escolares galegos a cabalo da Realidade Aumentada

mércores, 29 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Presentación da guía na USC nunha foto de Santi Alvite

A potencialidade da nosa riqueza termal, non só económica senón tamén tecnolóxica e médica, volveu quedar hoxe de manifesto na Universidade de Santiago. O motivo? A presentación da guía didáctica interactiva Os balnearios galegos, promovida pola Cátedra de Hidroloxía Médica da USC-Balnearios de Galicia para mostrar ante a comunidade escolar “a importancia para a saúde das nosas augas mineromedicinais”. A guía permite visitar as 21 estacións termais da nosa terra a través da tecnoloxía de Realidade Aumentada. O Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da USC foi o encargado de desenvolver a ferramenta e introducir os nosos balnearios na vangarda da era dixital.
Na presentación participaron Carmen Pomar, conselleira de Educación, Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia, Antonio López, reitor da USC, Juan Gestal, director da Cátedra, Lorena Casal, profesora do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da USC e autora da guía, Marisol Espiño, presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, e Juan Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións da USC. Á cita asistiu ademais o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; xunto a directores e médicos dos balnearios galegos.
“Con esta guía preténdese axudarlle ao profesorado e achegar o alumnado dos últimos cursos de primaria e primeiros da ESO de toda Galicia ao coñecemento da importancia da auga para a vida e, en especial, das augas mineromedicinais e as súas aplicacións na promoción da saúde, no tratamento das enfermidades e mesmo na procura do benestar”, salientou o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal, engadindo que a publicación está ser empregada xa polo alumnado e o profesorado do Colexio O Cruce de Cerceda, o que permitirá avaliar o seu funcionamento co fin de poder realizar melloras no mesmo.
A guía distribuirase en todos os centros públicos e privados de Galicia. Nestes intres xa pode descargarse e difundirse libremente da páxina web de Balnearios de Galicia e do repositorio da USC.
En palabras de Lorena Casal, “trátase dun recurso educativo que traballa a educación para a saúde dun xeito innovador, mediante a creación de contornas de aprendizaxe que combinan códigos textuais e audiovisuais, potencian o traballo interactivo e favorecen unha aprendizaxe activa e flexible”. Explicou que, a través do uso da Realidade Aumentada, pódese facer un percorrido polos 21 balnearios galegos a través de calquera dispositivo móbil.

PUBLICIDADE