Os nómades dixitais poden contribuír á dinamización do rural galego

martes, 19 de decembro do 2023 Redacción

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou hoxe o proxecto de coliving iSlow Costa da Morte en Laxe, onde referendaron o compromiso da Xunta de Galicia de aproveitar o potencial innovador do rural para atraer traballadores. Coa súa visita, os representantes autonómicos puxeron en valor esta iniciativa que avoga por revitalizar as contornas rurais e por contribuír ao seu desenvolvemento económico.
A Xunta quere dar cabida na comunidade a nómades dixitais ou profesionais en remoto a través de espazos coliving, que engaden aos servizos de coworking a posibilidade de residir nestes lugares de xeito temporal. O obxectivo desta iniciativa é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade económica dun modo sustentable e innovador.
O proxecto quere aproveitar o potencial de crecemento das contornas rurais, que xa se está a ter en conta no despregamento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta na actualidade con doce centros activos, tres deles na provincia da Coruña: Coristanco, Ferrol e Melide.

PUBLICIDADE