Os nacionalistas de Narón celebran o Día de Internet cunha imaxe de 4.000 megapíxels do seu concello

venres, 20 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Xeitos de conmemorar a festa dupla do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, o pasado 17 de maio, houbo moitos, pero se cadra un dos métodos máis axeitados pasou por mesturalo todo. É dicir: enleando a festividade e que non se soubese onde comezaba unha cousa, a Rede, e onde remataba a outra, a nosa cultura. Por este vieiro as accións de conmemoración desenvolvidas polo BNG de Narón, que está a amosar estes días na súa web unha imaxe xigante, probablemente a máis xigante da nosa Rede, sobre o dito concello coruñés visto dende o mirador do monte de Ancos.
A fotografía, que ten até 4 megapíxels de resolución, foi empregada para imprimir un valado decorativo de nove metros de lonxitude, co que se cubre un edificio degradado no barrio do Alto.
Ademais de navegar pola fotografía empregando a tecnoloxía de Google Maps”, sinalan os responsables desta imaxinativa e tecnolóxico proposta, “os usuarios que se acheguen á web poderán observar os máis pequenos recunchos da zona urbana e das parroquias de Narón, así como as propostas que o BNG presenta no seu programa electoral da man das 29 persoas que forman a candidatura ao concello”.
A iniciativa insírese na liña de aproveitamento tecnolóxico que está a empregar o grupo nacionalista local nas súas campañas, aproveitamento no que se inclúe a transmisión de todo tipo de eventos (plenos, charlas, mitins) en tempo real a través do Twitter. Tamén forma parte disto o primeiro ciberencontro do candidato Pablo Villamar cos internautas, acto que se desenvolveu na cervexería La Profecía do Ponto e que se desenvolveu ao acubillo das redes sociais e das ferramentas de correo electrónico.

PUBLICIDADE