Os mortos van á présa serve de base para un obradoiro creativo de videoxogos na UVigo

mércores, 7 de outubro do 2020 Fernando Sarasketa

O guión do filme Os mortos van á présa, escrito polo galego Ángel de la Cruz, convértese este cuadrimestre na fonte de inspiración dos proxectos de videoxogo que idearán preto de 25 estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. No marco dun proxecto de innovación docente do grupo ComTecArt, alumnado de diferentes titulacións traballará, dividido en tres equipos, no deseño dun videoxogo e no desenvolvemento dunha das súas fases.
Farano sobre todo, debido á situación sanitaria, a través de xuntanzas virtuais como a que este mércores mantiveron cun guionista gañador de tres premios Goya, ao que presentaron as primeiras ideas dos seus proxectos.
Coordinadas e coordinados polos docentes de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Legerén, Mónica Valderrama e Luis Fernández e polos profesores da EE de Telecomunicación Antonio Pena e Enrique Montenegro, 17 alumnos e alumnas traballan conxuntamente nesta iniciativa. En equipos multidisciplinares, as e os estudantes da materia Videoxogos, comunicación e desenvolvemento, do grao en Comunicación Audiovisual, centraranse na “parte narrativa” do proxecto, no deseño da historia, mentres que o alumnado da materia Tecnoloxía multimedia e computer graphics, do grao en Enxeñaría de Telecomunicación, será o responsábel da programación dos xogos.
Triade Estudios, Countdown Studio e Ki.Frame son os nomes dos tres equipos dun proxecto que busca achegar ao alumnado aos procesos de traballo nesta industria, e que contará a súa vez coa participación de sete estudantes da materia Comunicación alternativa, do grao en Publicidade e RRPP, responsables de definir e desenvolver as accións de difusión dos proxectos.

PUBLICIDADE