Os molestos CAPTCHA comezan a ser invisibles

venres, 10 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Os CAPTCHA (Completely Automated Public Turing test to tell Computers and Humans Appart) con eses textos retorcidos que se atopan en moitos formularios para poder distinguir a humanos de máquinas e loitar así contra certas tácticas publicitarias fraudulentas e incluso certos ataques informáticos, que pese ás súas boas intencións converteuse en todo un fastío para os usuarios para o que poderiamos dicir adeus en breve, xa que un dos proxectos que achegan esta tecnoloxía á meirande parte de páxinas web, reCAPTCHA (adquirido por Google en 2009), está a introducir o reCAPTCHA invisible.
Dende que Google adquiriu reCAPTCHA foi mudando o funcionamento desta tecnoloxía, de xeito que inicialmente amosaba dúas palabras procedentes de escaneos de libros, axudando as respostas humanas a mellorar o sistema de recoñecemento de texto de Google Books, o que máis adiante trasladaron tamén a números de fachadas de edificios captados para Google Street View.
Agora, coa nova versión de reCAPTCHA só será visible cando o sistema sospeite que non é unha persoa a que está diante do navegador web, para o que analizan distintos datos de navegación ou incluso o movemento do rato pola pantalla, datos sobre os que non dan detalles, en boa medida para non facilitar o desenvolvemento que salten esta medida de seguridade.

PUBLICIDADE