Os móbiles poderían estar suxeitos ó canon dixital

martes, 11 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Moza escoitando música co seu Nokia N81 con 8 Gb de capacidadeA orde ministerial que recollerá a listaxe de soportes dixitais que estarán suxeitos ó pagamento de dereitos de compensación por copia privada (comunmente chamado canon dixital) estase a ultimar durante estes días, e dende o xornal El Mundo adiantan que incluirá ós teléfonos móbiles na mesma por mor das descargas musicais, o que suporía unha auténtica contradición xa que se estaría a pagar dúas veces polas obras, xa que as descargas musicais xa se pagan, de aí que non pareza moi lóxico engadir tal gravame ós terminais de telefonía (sería coma facelo cos CD orixinais).
A incorporación do canon dixital ós móbiles figura no borrador do cadro de tarifas pactado polos ministerios de Cultura e Industria, e o sector da telefonía móbil admitiu que aceptará esta cantidade sempre que sexa moderada, agardándose que se fixe entre un 2 e un 5% o prezo dos móbiles.
O canon dixital está a ser unha seria fonte de conflitos, xa que as entidades como a SGAE estaban a esixir unhas cantidades que suporían preto de 2.000 millóns de euros anuais, e que dispararían o prezo de reprodutores de MP3 ata un 70% e de ordenadores portátiles ata un 25%, o que suporía unha carga moi importante para o sector tecnolóxico, que podería prexudicar ós vendedores estatais e podería impulsar a importación de produtos para evitar o pago da compensación (como xa acontece cos DVD virxes).

PUBLICIDADE