Os móbiles Lumia reciben unha nova versión de proba de Windows 10

venres, 10 de abril do 2015 Marcus Fernández

Microsoft comezou hoxe a distribuír unha nova versión preliminar de Windows 10 para dispositivos móbiles, que destaca fronte á primeira versión de proba en que a Build 10051, aparte de por integrar un importante número de melloras e novidades, por funcionar nun abano de terminais moito máis amplo, de feito, poderiamos dicir que practicamente é compatible con toda a familia Lumia, coa excepción dos smartphones con pantalla Full HD, para os que aínda non se adaptou a interface de uso de Windows 10, o que provoca que certos elementos de vexan demasiado cativos como para poder empregarse con comodidade (aínda que aseguran que corrixirán tal situación en breve).
Cómpre lembrar que este tipo de versións preliminares son para usos técnicos, ou sexa, que non deben empregarse en teléfonos de uso principal, xa que presentan numerosos problemas precisamente para a súa identificación e corrección, e só estarían recomendados para desenvolvedores que queiran comezar a probar os seus traballos na vindeira versión de Windows.

Pese a ser un dos smartphones con Windows Phone 8.1 máis destacables, o Lumia 930 aínda non pode gozar desta versión de proba de Windows 10

Esta nova versión de Windows 10 para móbiles inclúe como destacable novidade o navegador web Project Spartan, que por fin pode probarse en móbiles, aínda que polo momento non é o navegador predeterminado (continúa a empregarse prioritariamente Internet Explorer 11); tamén inclúe novas aplicacións de correo electrónico e calendario, xa que en Windows 10 son aplicacións universais, de xeito que unifícase a experiencia entre o escritorio e o móbil; as aplicacións de teléfono e mensaxes tamén gozan dun novo deseño visual; a aplicación de Contactos é outra que pasa a ser universal, o que facilitará a xestión de contactos entre distintos servizos (Exchange, Outlook.com, Gmail, Facebook...) de xeito centralizado; incorpórase a nova aplicación universal de Mapas; e incluso múdase o sistema de cambio entre aplicacións (que adáptase a pantallas máis grandes e a un meirande uso de aplicacións recentes entre as que poder conmutar).
Como tamén acontece coa versión de escritorio, para poder gozar desta versión preliminar de Windows 10 é preciso inscribirse (de balde) no programa Windows Insider.

PUBLICIDADE