Os mentores de NACCE achegan asesoramento a máis de 260 emprendedores galego-lusos

venres, 28 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

Un dos foros de NACCE celebrado recentemente en Vigo

Que facer cando constatas eivas comúns de internacionalización nas empresas de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa? Ben, podes ficar cruzado de brazos ou tirar proveito dos profesionais e expertos dos dous países irmáns que xa foron quen de abrirse camiño no complexo mercado global das TIC, co fin de que compartan a súa experiencia e, tamén, se deixen contaxiar polos renovados azos de entusiasmo dos novos empresarios galegos e do Norte Portugal. O Proxecto NACCE consiste, basicamente, en non quedármonos cruzados de brazos no devandito. Trátase dunha iniciativa con moitos piares, algúns galegos e outros lusos, e tamén dá acubillo a mentores e asesores. Como por exemplo Javier Varela, de Toctocmedia.com, con quen puidemos falar de NACCE. Varela cóntanos que a día hoxe xa hai máis de 260 emprendedores inscritos no proxecto e que este xa comezou a dar os seus bos froitos. Vemos cales son.
-Cal é exactamente a túa participación no Proxecto NACCE? Actúas como mentor ou emprendedor asesorado, ou ámbalas cousas? Cres que unha iniciativa como NACCE non se dirixe, realmente, a favorecer que os emprendedores TIC se convertan en empresarios expertos, e que os xa consolidados se deixen renovar polos acabados de chegar?
-A miña participación é en calidade de "mentor". Xunto co resto do equipo temos como función principal a de prestar asesoramento aos emprendedores inscritos no proxecto, ben a través dun mentoring presencial nas xornadas organizadas en diversas cidades de Galicia e Norte de Portugal, ou ben a través da plataforma web da iniciativa, www.nacce.es.
-Cal é a túa opinión sobre o desenvolvemento actual do proxecto? Cres que xa está comezando a dar froitos? En que sentido?
-A día de hoxe, hai máis de 260 emprendedores inscritos no proxecto que están a cursar a formación en liña a través da plataforma apoiada por titores expertos e mentores membros do Núcleo NACCE, e que, ademais, gran número deles están a asistir e participar activamente nos foros e xornadas temáticas celebradas ata este momento (Vigo, Ourense, Guimarães, Braga, etc.). O proxecto xa comezou a dar o seus froitos e son varios os emprendedores de NACCE que presentaron as súas iniciativas, incluso en público, de feito o vindeiro 24/01/2013, terá lugar en Ourense unha nova xornada na que un grupo deles exporá ó público as súas ideas e proxectos TIC.
-Consideras que facía falla algo como NACCE, que establecese máis pontes de colaboración entre o tecido TIC galego e portugués, e entre emprendedores e mentores (expertos en TIC) e empresarios consolidados?
-Sen dúbida este tipo de proxectos que apoien aos emprendedores dende os inicios do seu proxecto son máis que necesarios. A idea de establecer pontes con Portugal penso que é unha vella demanda que deberíamos ter máis en conta porque é un mercado que, malia estar tan preto, moitas veces semella que está moi lonxe debido a que a normativa é diferente. Compartimos moitas cousas co tecido portugués e por tanto hai lugar para xerar un mercado e promover sinerxías que fagan máis competitivas ás nosas empresas, tanto as novas como as xa establecidas e con traxectoria.
-Cal é a túa opinión sobre a suposta necesidade dunha empresa TIC de internacionalizarse? Non é posíbel o futuro, o crecemento, sen ter en conta unha mentalidade global?
-O termo internacionalización pode soar moi grande cando estás a darlle forma a un proxecto, pero hoxe hai que pensar de forma global en case tódolos ámbitos. As barreiras en termos de comunicación están a desaparecer e a posibilidade de prestar os nosos servizos en calquera punto sen necesidade de grandes investimentos, nin establecementos físicos, está a derrubar atrancos de entrada en mercados que antes serían utópicos para un emprendedor. Non digo que poidas operar en todo o mundo polo simple feito de traballar a través de internet, pero si que as novas tecnoloxías abren xa moitas posibilidades de carácter global que os emprendedores non deberían deixar escapar. A mentalidade global, as sinerxias e fuxir do minifundismo empresarial deberan ser normas para todo emprendedor galego.
Sobre Javier Varela
Consultor de Marketing, Estratexia e Comunicación, especializado en marketing online, redes sociais, e comunicación dixital en www.toctocmedia.com. É editor e administrador do blog de marketing www.theorangemarket.com dende o ano 2006 e co-organizador de The Monday Reading Club Vigo, o 1º Clube de Lectura de Marketing de Galicia. Traballou en múltiples proxectos de promoción e publicidade en liña para empresas e institucións, entre as que se contan, por exemplo, as seguintes: Volkswagen, Absolut, Telefónica, Iberia, Havana Club, Fundación Altius, Lizarrán, Albariño Paco & Lola, Xacobeo, Femxa, TEDxGalicia, You&Me albariño, Vinum Terrae, Meubook, Empresa e Finanzas Galicia, etc.
Sobre os apoios e impulsores de NACCE
O Proxecto NACCE inscríbese dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e participan a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Associaçao Empresarial) e o CCG/ZGDV (Associaçao Centro de Computaçâo Gráfica). Espérase que signifique un gran estímulo para o sector TIC de Galicia e do norte de Portugal favorecendo a creación de emprego e de empresas tecnolóxicas.
NACCE é un programa de mentorización sobre mellora da competitividade, internacionalización ou apertura de novas liñas de negocio en empresas TIC, e tamén sobre como crear unha empresa TIC, como levar unha idea de negocio tecnolóxica ou de internet á realidade. Todo iso de forma on-line e gratis, e apoiado por profesionais de prestixio que conforman o Núcleo de Apoio á Competitividade e Creación de Empresas, “polo que é unha oportunidade única para formarse, asesorarse, facer contactos de primeiro nivel ou montar unha empresa da man da experiencia do día a día”, sinalan os impulsores da iniciativa.

PUBLICIDADE