Os menores e os riscos dun mal uso das TIC, a debate os días vindeiros en Lugo

martes, 20 de setembro do 2016 Fernando Sarasketa

A Asociación Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo está a ultimar a celebración das súas xornadas divulgativas, que van pola edición número 30 e que desta volta centraranse nun dos aspectos máis preocupantes do espallamento das novas ferramentas: o acceso indiscriminado dos nenos e os adolescentes ás novas contornas en liña, sen un labor complementario de sensibilización, concienciación e asesoramento sobre os riscos que poden atopar. As Xornadas Penitenciarias Lucenses desenvolveranse os días 26, 27 e 28 de setembro baixo o epígrafe Os menores e as novas tecnoloxías.
Segundo informa a asociación, “logo de trinta anos organizando estas xornadas, seguimos a procurar cuestións de actualidade que estean a xerar repercusión e interese social”, e para o presente ano decidiuse abordar o ámbito das novas ferramentas na nenez e na adolescencia, “entre outras cousas debido ao forte desenvolvemento teórico-práctico experimentado pola cuestión ao longo dos últimos anos, e debido tamén á gran dificultade que supón a súa detección e abordaxe”. A isto cómpre engadir a importante sensibilidade social que esperta este fenómeno e que afecta, en todos os niveis, a un meirande número de poboación no ámbito estatal, engade a entidade penitenciaria.
As xornadas están organizadas pola devandita asociación e contan para o seu desenvolvemento co apoio (financiamento) do Concello e a Deputación de Lugo. Arrincarán o 26 de setembro no salón de actos da sede da Deputación de Lugo, contándose coa presenza de Álvaro Santos Ramos, vicepresidente do organismo provincial. A continuación haberá unha entrega de medallas e logo comezará a conferencia Os menores e os delitos informáticos a cargo de José Antonio Vázquez, maxistrado do Xulgado do Penal número 2 da Coruña. Presenta e modera Félix Mondelo Santos, decano do Colexio Provincial de Avogados de Lugo.
Ao día seguinte, 27, no mesmo escenario, celebrarase ás 19.30 horas a conferencia Prevención e loita contra os delitos informáticos: especial referencia aos menores. Será impartida por Gonzalo Sotelo, responsábel do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra. Presenta e modera Víctor Souto, capitán da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil de Lugo.
Xa no último día de actividades, o 28, desenvolverase a conferencia Metodoloxía Coaching: Medida de intervención eficaz con menores en risco. Virá da man de Fernando González Truque, director de Alar Galicia. Presenta e modera Óscar Piñes Penelas, director do Centro de Menores Santo Anxo de Rábade. A clausura das xornadas correrá a cargo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

PUBLICIDADE