Os membros do CPEIG beneficiaranse da formación avanzada de AGBO Business Architecture

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG, vén de asinar un acordo de colaboración coa firma AGBO Business Architecture orientado a complementar e optimizar a súa estratexia de formación dirixida ás colexiadas e colexiados. Na formalización do acordo, levada a cabo os días pasados, participaron Adriana Gonçalvez Botelho, en representación de AGBO, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo. En virtude desta alianza, AGBO pasa a engrosar a listaxe de entidades colaboradoras do Colexio ofrecendo descontos especiais coas seguintes condicións: 50% nos cursos en liña e 10% nos cursos presenciais e a distancia.
Segundo fai saber o CPEIG, o convenio é aplicábel aos cursos de formación tecnolóxica que AGBO ten habilitados na web de seu e tamén aos seguintes casos: cursos presenciais no Centro de Formación AGBO Training (formacións intensivas dunhas 20 horas de duración, en formato fin de semana), cursos en liña e cursos a distancia da Aula Virtual de AGBO.
Por certo que AGBO é unha firma con sede principal en Madrid (ten en Alcobendas o seu Centro de Formación) cuxo principal cometido é o ensino de máxima calidade en linguaxes de programación, sobre todo en desenvolvemento de ferramentas e aplicacións diversas para iOS. “As nosas actividades de consultoría e de desenvolvemento son elementos clave na nosa proposta continua de ofrecer servizos gourmet nunha contorna de aprendizaxe práctica e constante”, sinalan os responsábeis da empresa. AGBO ten actividade en diversos países e achega formación en español, inglés, francés e portugués.

PUBLICIDADE