Os medios galegos apoian o labor de Código Cero co gallo do noso 10º aniversario

luns, 30 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Nestas datas nas que estamos a celebrar o 10º aniversario e o número 100 da nosa edición impresa, non son poucos os compañeiros doutros medios de comunicación que están a aproveitar a ocasións para manifestar publicamente os seus bos desexos para o noso labor, o que nos últimos días foi especialmente notorio pola entrevista que nos fixeron na TVG, o artigo sobre aplicacións móbiles de Culturagalega.org para o que contaron coa nosa opinión e, o pasado domingo, cunha entrevista en El Correo Gallego. Dende aquí agradecer a todos os medios o seu apoio ao noso proxecto e, con estas mostras de solidariedade, contribuír tamén a dar visibilidade ao tecido tecnolóxico galego, que cada vez parece máis vivo, como demostran tanto éxitos empresariais como encontros informais que teñen lugar pola nosa xeografía.
Para quen non puidera ler a entrevista de Xabier Sanmartín na edición impresa de El Correo Gallego, publicamos aquí unha transcrición:

“Antes, cando saíu o primeiro iPhone, a xente preguntábame o que tiña na man”

MARCUS FERNÁNDEZ Webmaster e subdirector da revista Código Cero

Marcus Fernández é dos profesionais galegos máis curtido nas novas tecnoloxías, augas que hoxe o bañan todo pero que no 2001, cando non había YouTube, nin Facebook, nin Twitter, el xa navegaba. Coñecémonos ao traballar na etapa inicial do Correo TV, e dende a súa labor como subdirector de Código Cero, hoxe repasa para EL CORREO GALLEGO a evolución de dita revista ao cumprir os seus 10 anos. Retrata ademais o desenvolvemento tecnolóxico logrado en Galicia.
En que foi cambiando o interese dos lectores?
Houbo un desprazamento... O PC deixou de ser o centro da atención para dirixirse todas as miradas á Internet e, xa nos últimos anos, á mobilidade. Cada vez a tecnoloxía está a verse máis como unha ferramenta, iso facilita un público máis variado, aínda que o principal valor que temos é o feito de que o sector TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación) galego medrase e collese forza, xa que ao sermos o único medio especializado no mesmo, fai que os seus axentes estean pendentes do que publicamos. Non é así moi importante o noso número de lectores, senón o feito de que é rico en estudantes e profesionais galegos que contan con nós para informarse e para dar a coñecer as súas actividades.
Como variou o traballo á hora de xestionar información?
Aínda que dende o comezo centramos o noso fluxo de traballo na Internet, o volume de novas coas que traballamos é cada vez maior, o que tamén supón un importante atranco. Agora non temos que esforzarnos para atopar información do sector tecnolóxico en Galicia, senón todo o contrario. Pasamos de escribir sobre tecnoloxía no mundo, reservando un pequeno espazo a iniciativas galegas, a facer xusto o contrario...
Qué liñas deben destacarse en Galicia en relación ao logro das TIC durante eses 10 anos?
As iniciativas para loitar contra a fenda dixital no rural foron do máis destacable... o que se traduciu tanto na mellora de infraestruturas para levar a Internet máis aló dos grandes núcleos de poboación como á evanxelización a través da formación e da creación de servizos que hoxe vemos tan naturais a cita médica a través da web.
Que fenómeno destacaría do chorro de novidades?
O fenómeno das plataformas de redes sociais coma Facebook ou Twitter pilloume por sorpresa. Parecíame complicado que os usuarios da rúa adoptasen con tanta intensidade e en tan pouco tempo unhas ferramentas que noutros tempos quedaban relegadas aos amantes da tecnoloxía. Tamén a popularización dos smartphones foi abraiante. Lembro que cando eu facía uso do meu iPhone (o primeiro modelo, que non chegou a comercializarse en España) a xente preguntábame o que tiña na man, e tras a chegada do iPhone 4 resulta case imposible non atopar a alguén utilizando un dos móbiles de Apple en calquera cafetería concorrida.
Que debe mellorar na saúde deste sector en Galicia?
O acceso á Rede no rural (mesmo nos suburbios das cidades), a creación de servizos que os cidadáns desconectados consideren de interese, a proliferación de contidos en liña por e para os galegos (estamos a vivir unha crise moi importante a este respecto) e o fornecemento das empresas do sector a nivel económico, pois aínda que hai moitos proxectos interesantes, a captación de financiamento segue a ser un atranco difícil de superar lonxe dos centros de decisión internacionais.
Como é hoxe esa Galicia 2.0?
Temo que a situación non está a altura do agardado. Hai uns anos tiñamos unhas expectativas moi boas, co xurdimento do chamado Blogomillo e numerosos proxectos de comunicación na Internet en galego, pero moitos esmoreceron, e agora temos unha importante carencia de contidos na nosa lingua. É algo que temos que solucionar entre todos. Cómpre subliñar que non é preciso crear plataformas galegas para a difusión de contidos, pois podemos galeguizar o uso das actuais, coma se fixo coa tradución da interface de uso de Facebook. Non precisamos dun YouTube en galego, senón que o que debemos facer é encher YouTube de vídeos en galego, e gañar a pulso un espazo na web, o que esperemos que sexa aínda máis visible en 2013, cando é posible que teñamos dominio para a lingua e a cultura galegas (o .gal).
Caducarán as redes sociais?
Non estamos ante unha moda, senón ante un cambio de paradigma. Ata o momento os medios de comunicación difundían contidos e os usuarios consumíanos, pero agora calquera é emisor e receptor de información, o que non vai mudar. Iso tampouco supón a desaparición das canles de lecer consideradas como pasivas. Pode que esteamos a sobrevalorar a audiencia dalgunhas canles (o consumo televiso é moi superior ao de, por exemplo, YouTube) e teremos que deixar pasar varios anos para colocar as cousas en perspectiva, aínda que do que non teño dúbida é de que o futuro é unha cidadanía conectada, especialmente grazas ás plataformas móbiles.

PUBLICIDADE