Os maiores de Pantón métense de cheo no uso do móbil

mércores, 27 de xuño do 2018 Redacción

Esta semana proseguen as actividades formativas no rural da Fundación TIC da Deputación de Lugo, fornecendo á xente de idade de recursos tecnolóxico-dixitais de utilidade para o seu día a día e para os seus labores cotiáns. Este mércores, o vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, visitaron aos alumnos do curso gratuíto que imparte a Fundación TIC no local social de Santiago de Cangas en Pantón. O obradoiro de novas tecnoloxías céntrase en achegar claves para o manexo e uso de móbil.
Fernández Queipo dixo que “desde o Goberno da Deputación traballamos polo noso rural e promovemos iniciativas que melloran a calidade de vida dos nosos veciños co obxectivo, entre outros, de facer fronte ao despoboamento”. Segundo engadiu, “as novas tecnoloxías representan un papel moi importante, polo que seguiremos promovendo o seu uso entre os nosos maiores para facilitar o seu día a día e o contacto cos seus familiares e amigos”.
O vicepresidente tamén salientou “o éxito que están a ter estes cursos formativos, tal e como constatamos nos que xa levamos impartidos en Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, entre outros concellos da nosa provincia”. Isto, dixo, “demostra o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”. Os cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.
En total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior.

PUBLICIDADE