Os maiores de Burela e A Fonsagrada tiran partido das TIC para pór en valor a súa contorna
mércores, 11 de febreiro do 2015
A Deputación
de Lugo segue adiante co seu periplo pola provincia mantendo
diferentes encontros cos usuarios e participantes dos seus programas
de promoción e afianzamento TIC. Desta volta, tocoulle á vila de
Burela, a onde se desprazaron a vicepresidenta segunda, Lara Méndez,
e o deputado de Economía do Coñecemento, Alfredo Llano, para
xuntarse cos usuarios de Engurras
TIC, é un dos programas de balde que a Deputación achega a
maiores de 55 anos de toda a provincia, coa finalidade de “fomentar
o envellecemento activo a través do emprego das novas tecnoloxías”.
O periplo tamén leva á entidade provincial á Fonsagrada, onde se
dará conta da vindeira posta en marcha de Memoria Dixital TIC-TAC.
Segundo informa o organismo provincial, os
participantes do dito programa en Burela fixeron fotografías e
editáronas con dispositivos tecnolóxicos como smartphones,
tabletas e ordenadores portátiles, amais de compartilas en redes
sociais como Instagram. Por certo que o resultado deste traballo
serán expostas no Centro de Formación Ocupacional, que é onde se
desenvolveu o propio obradoiro. As mellores fotos entrarán a formar
parte dun concurso, que se resolverá o 27 de febreiro.
Polo que atinxe á Fonsagrada, a visita da
Deputación levarase a cabo esta tarde. Na cita concorrerán a
deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o alcalde da
Fonsagrada, Argelio Fernández Queijo, que manterán un encontro con
maiores da Residencia Burón, que participarán en Memoria Dixital
TIC-TAC, programas gratuíto sobre as novas tecnoloxías que ofrece a
Deputación a lucenses de máis de 55 anos. A iniciativa abrangue 9
obradoiros, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro en todas as
comarcas da provincia. Está aberto a asociacións e centros de
maiores de todos os Concellos, agás o da capital. Os interesados
poden apuntarse no 982 254 666.