Os maiores da Coruña locen na Rede talento audiovisual

mércores, 23 de decembro do 2020 Redacción

O obradoiro De Maior Crea, impulsado por ASEDUC e a Concellería de Igualdade e Participación Cidadá da Coruña, pechou a súa cuarta edición coa emisión en liña das curtametraxes realizadas estes meses polo alumnado. Foi un taller dirixido a persoas de máis de 55 anos, que mediante accións formativas de creación audiovisual, buscaba facer actividades con maiores ou para maiores.
A Asociación Socio Educativa para a Educación (ASEDUC) quere con este tipo de iniciativas fomentar a autonomía, o envellecemento activo e os hábitos saudábeis entre a terceira idade, ao tempo que se avanza en convivencia e en interactividade entre persoas de distintas xeracións.
Esta edición adaptouse ao contexto actual desenvolvendo a maior parte das actividades de forma en liña. Para iso creouse unha plataforma educativa que contén vídeos e unidades didácticas para libre descarga das e dos participantes, Estes contidos complementáronse con reunións en liña nas que se impartiron clases maxistrais e aclaráronse dúbidas.
O proxecto foi financiado pola Concellería de Igualdade, Benestar Social e está dirixido polos cineastas Manolo Gómez e Domingo D Docampo.
O taller comezou en outubro con propostas de creación narrativa, fotográfica e audiovisual para as persoas que participaron nas edicións anteriores. Durante as actividades realizaron un achegamento aos fundamentos da cinematografía móbil e a linguaxe audiovisual, así como unha serie de prácticas coas que afondar nos coñecementos adquiridos.
Os contidos ficarán con acceso libre na web e nas canles do proxecto.
O proxecto complementouse coa emisión das curtametraxes realizadas polas alumnas nos meses anteriores. Durante o mes de xaneiro a plataforma Filmin ofrece a colección De maior crea, a través da cal pode verse unha escolma das películas adicadas ás persoas maiores. Igualmente, pode visualizarse en Youtube.

PUBLICIDADE