Os libros da USC en Google Books recibiron medio millón de visitas na primeira metade de 2012

venres, 29 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

O labor da Universidade de Santiago a través do servizo Google Books segue adiante, e todo indica que cos mellores agoiros. O achegamento USC-Google, do que dimos conta hai uns tres anos con motivo da súa materialización definitiva e da arela da institución galega de dixitalizar e universalizar boa parte do seu coñecemento a través do buscador, vén de acadar un novo chanzo cunha cifra de éxito que fala por si soa: a das visitas que recibiron os libros da Universidade en Google Books. En total, 505.352 visitas a libros da USC foron efectuadas a través de Google Books entre decembro de 2011 e este mes de xuño, segundo o último informe que o buscador xera periodicamente e envía aos editores.
Máis polo miúdo, na semana que media entre o 3 e o 9 de xuño últimos rexistráronse 15.941 visitas a libros, cun total de 195.984 páxinas consultadas, o que supón un incremento do 4’’15% verbo da semana anterior. En total, no período semanal indicado foron visitados 744 títulos únicos, entre os que destacan Patología Médica Veterinaria (2003), con 651 visitas, e o manual Física del Estado Sólido (2008), con 191. Segundo indicou a este respecto o director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, estas cifras testemuñan “dun xeito elocuente o inmenso potencial de visibilización de Google Books”, un potencial que se incrementará tamén en termos comerciais coa incorporación á plataforma Google Play, a tenda de ebooks e lecer dixital de Google, que foi presentada en España o pasado día 15, e na que a USC participa polo de agora con máis de 50 títulos dos últimos anos. Ao fío disto Blanco Valdés engade que a USC “está pechando con Google os últimos detalles dun desenvolvemento tecnolóxico complexo. En outono estaremos en condicións de presentar formalmente a nosa participación en Google Play”.

PUBLICIDADE