Os investigadores galegos de Gaia amosan a imaxe en 3D máis exhaustiva da Vía Láctea

xoves, 15 de setembro do 2016 Redacción

Esta semana presentáronse no Campus da Coruña os primeiros froitos achegados pola misión Gaia, unha iniciativa da Axencia Espacial Europea (ESA), na que participan investigadoras/es da nosa terra e da Universitat de Barcelona, e máis de 450 científicos e enxeñeiros de dúas ducias de países co obxectivo de elaborar un mapa preciso en 3D da Vía Láctea. Na presentación dos primeiros resultados de Gaia estiveron integrantes do Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións de Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña (Minia Manteiga, Carlos Dafonte, Daniel Garabato e Marco Antonio Álvarez), xunto coa investigadora do Departamento de Física Aplicada da UVigo, Ana Ulla, e o vicerreitor de Política Científica da UDC, Salvador Naya. O acto, que se celebrou de maneira simultánea, serviu entre outras cousas para presentar a publicación do GDR1, “o primeiro catálogo de Gaia”.
Trátase dun acubillo de información que repasa e rexistra os traballos despregados ao longo de tres anos. Neste tempo, recompiláronse 500.000 millóns de medicións astronómicas e a localización de dous millóns de estrelas. Todo este coñecemento foi xerado coa axuda de Gaia, a a sonda espacial que en decembro de 2013 era lanzada alén da Terra co obxectivo de rexistrar e inventariar as estrelas da Vía Láctea, o que representa, en palabras dos investigadores, “cartografar mil millóns de astros da nosa galaxia, ou sexa un 1% das que se estima existen”.
Segundo fixeron saber, esta primeira publicación inclúe tamén “os datos fotométricos de centenares de estrelas variábeis, 2.595 estrelas tipo RR Lyrae e 599 estrelas Cefeidas observadas en xullo de 2014, en que o satélite escaneou repetidamente os polos galácticos”.
Os devanditos datos foron o resultado dunha longa observación. De feito, Gaia esculcou ao longo dos tres anos de misión unha media uns 70 millóns de obxectos celestes, obtivo máis de 637 millóns de medidas astrométricas (posicións no ceo) e 150 millóns de medidas fotométricas (cantidade de luz en cada cor), ao día.
Segundo explicaron os investigadores galegos na presentación dos primeiros froitos do proxecto, “os datos crús que obtén o satélite pasan por un complexo proceso de transformación e análise que leva a cabo un equipo duns 450 científicos de toda Europa, o consorcio DPAC, do que o grupo de investigación da Universidade da Coruña forma parte desde 2007”.
Respecto do que está por vir, a misión Gaia producirá versións actualizadas do seu catálogo aproximadamente cada ano a partir desta data, até chegar a un arquivo final que se publicará arredor do ano 2022. “Os datos que Gaia proporcionará arroxarán nova luz practicamente en todos os ámbitos da Astronomía e serán unha referencia durante os vindeiros 50 anos”, engadiron.

PUBLICIDADE