Os investigadores do centro galego AtlantTIC, recoñecidos na conferencia IberSpeech sobre tecnoloxías da fala

xoves, 4 de decembro do 2014 Redacción

O mes pasado celebrouse nas Palmas de Gran Canaria a conferencia IberSpeech 2014, uns encontros entre investigadores do ámbito estatal que xira arredor das tecnoloxías da fala, dos retos e desafíos das mesmas. No evento estivo presente o centro galego AtlantTIC co equipo GTM-UVigo e presentando dous artigos que resultaron gañadores na avaliación Busca de voz convocada no dito certame. O primeiro, desenvolvido por Paula López, Laura Docío e Carmen García, consiste na aplicación da representación da voz mediante ivectors para a realización de recoñecemento continuo de emocións.
O outro, informa fontes de AtlantTIC, foi realizado por Marta Martínez e Antonio Cardenal e consiste no estudo e análise das estratexias básicas de keyword spotting (procura de palabras crave en contidos de audio) sobre unha base de datos en galego. Ademais, presentouse parte do traballo realizado ao abeiro do proxecto SpeechTech4All, máis polo miúdo unha interface gráfica que serve como demostradora das tecnoloxías dos grupos de SpeechTech4All: Universidade de Vigo, Universidade do País Vasco e Universidade Politécnica de Catalunya.
Lembrar que IberSpeech 2014 é unha conferencia sobre distintas temáticas relacionadas coas tecnoloxías da fala, sendo de especial interese os idiomas falados na Península Ibérica. Está organizada pola Rede Temática en Tecnoloxías da Fala (RTTH) e o ISCA Special Interest Group on Iberian Languages (SIG-IL). Trátase dunha conferencia que se celebra cada dous anos desde o 2000; as últimas edicións celebráronse en Vigo en 2010, baixo o nome de FALA 2010, e en Madrid, onde adoptou o nome IberSpeech.

PUBLICIDADE