Os internautas recoñecen a calidade de 19 empresas galegas

xoves, 9 de setembro do 2010 Raquel Noya

11870.com, a web que permite compartir opinións e comentarios de restaurantes e empresas con outros usuarios, vén de publicar, por terceiro ano consecutivo, a listaxe cos sitios españois mellor valorados pola súa comunidade, formada por máis de 35.000 usuarios, e nela, aparecen ata 19 establecementos da provincia da Coruña.
A listaxe, que ata agora só se facía con establecementos de Barcelona e Madrid, recompila un total de 1000 empresas e fíxose con locais de toda España tendo en conta as valoracións medias de cada un.
Estas valoracións funcionan a modo de “nota media” do negocio e obtéñense unicamente unha vez ao ano a partir dun cálculo, en base a diferentes datos e variables, incluíndo unha revisión manual para evitar estafas.
Esta nota media pode ir de 1 a 5 estrelas e só premia aos negocios coas valoracións medias máis altas.
Con estes galardóns, a web pretende darlle visibilidade aos negocios españois “que se esforzan por facer as cousas ben e gañar a fidelidade e recoñecemento dos seus clientes”; asegurou Roberto Heredia, conselleiro delegado de 11870.com, quen engade que “tamén se premia a lealtade de milleiros de usuarios”.
Os locais favoritos dos usuarios e visitantes de 11870.com chegan este ano tamén ata A Coruña e inclúe 16 establecementos entre os mellor valorados de toda España. Os restaurantes Domus, Mesón O’’Bo, O’’Recanto e La Bombilla, a crepería Petite Bretagne, o bar O Patachim, a cafetería El Café de Macondo, a tetería La Gloira, a xeladería Colón e la libraría Formatos son os dez negocios que resultaron premiados nesta edición na cidade de A Coruña.
No resto da provincia destacan Restaurante Casa Marcelo, Casa de Xantar O Dezaseis, Bierzo Enxebre e Casa Felisa en Santiago de Compostela, Fogar do Santiso en Teo, El Huerto de Santa Cristina en Oleiros, Tira do Cordel en Fisterra e o Refugio de Pesca de Verdes en Coristanco.
Cada un dos establecementos seleccionados recibirá un distintivo que poderá exhibir nun lugar visible para ser fácilmente recoñecido polo gran público como “un dos mellores valorados de 2010 pola comunidade internauta”.
Un código datamatrix incluído neste permitirá, a través dun lector de códigos no teléfono móbil, acceder de maneira doada á listaxe dos negocios mellor valorados de 2010 cos respectivos datos, mapa, opinións, fotos e vídeos de cada un deles; asemade, cada empresa premidad contará cun distintivo en liña en 11870.com que a identificará como o mellor de 2010.

PUBLICIDADE