Os internautas, en contra de que os xornais en liña comecen a cobrar polos seus contidos

venres, 15 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Non é ningunha novidade: cada pouco tempo xorde alguén, normalmente un persoeiro con certo peso nalgún grupo de comunicación con presenza na Rede, que investiga a opinión da comunidade internauta en espera de que esta lle conte se estaría disposta ou non a pagar polo até o de agora se lle está a dar de balde. Isto ten unha explicación, e tampouco se pode dicir que sexa nova: a procura de novas canles de negocio para unha cousa, o xornal dixital, ao que se lle ven dende os despachos directivos unha chea de posibilidades aínda por aproveitar. Porén, como puído comprobar o magnate Rupert Murdoch, propietario do grupo News Corporation (que dá acubillo, entre outros, ao Wall Street Journal ou The Times), a comunidade internauta semella que ten o feo vicio de ser teimuda, en ocasións tan dialogante como unha parede, e non semella que haxa maneira, a curto e medio prazo, de que extraerlle máis cartos có que producen vendo e visitando a publicidade inserida nos xornais en liña.
Segundo contan medios como El Mundo ou (máis recentemente) Baquia, a procura de novas canles de beneficio por esta vía de obrigar a pagar por ver contidos semella até o de agora do máis infrutuosa.
Ou sexa, que o que funciona para o xornal Wall Street Journal, especializado en temas de economía e a día de hoxe acadando unha boa cantidade de ingresos por subscricións, non ten por que valer para os demais medios. Segundo se pode extraer dunha enquisa feita pola CNN entre os seus lectores co obxectivo de albiscar a quen queren máis, aos contidos de pago ou aos contidos libres, a comunidade de internautas non semella estar pola labor de inclinarse polo primeiro. Neste caso, a situación case se pode dicir que é, salvando as distancias, un pouco semellante ao do emprego de redes abertas pola Rede: haberá moita xente que estea disposta a ir a unha tenda de CDs e mercar por 20 euros o que en Internet pode acadar pola patilla? Pois, a non ser que o CD en cuestión veña con moitos engadidos (cancións extra, un DVD, notas, entrevistas, etc), a verdade é que por desgraza para as tendas de música, que fan o que poden para sobrevivir, a cousa non pinta moi ben para a súa venda. Pois algo semellante (insistimos: con certas diferenzas, xa que polo de agora non hai unha SGAE que persiga aos lectores de prensa en liña, e os responsables desta dan polo de agora o seu visto bo a este sistema, aínda que sexa a regañadentes) acontece cos medios de comunicación no seu traslado ao virtual. Para os usuarios, insístese no estudo de CNN, a cousa está ben clara: sempre haberá sitios na Rede que acheguen contidos de balde, e, polo tanto, as páxinas que pretenden oficializar un formato de cobro por acceso non terán moitas opcións de ir cara a diante.

PUBLICIDADE