Os internautas conseguen que Vodafone doe 10.000 euros á Fundación Gomaespuma

venres, 17 de decembro do 2010 Raquel Noya

Semanas atrás, a operadora de telefonía móbil Vodafone comprometeuse a doar 1 euro á Fundación Gomaespuma por cada mensaxe que, durante un mes, os internautas escoitasen (sen custe algún para eles) na web habilitada a este efecto, Salvemoslosmensajes.com.
Agora, unha vez rematada a campaña (que tivo lugar entre o 15 de novembro e o 15 de decembro), Vodafone España deberá doar 10.000 euros á devandita entidade, xa que ese foi o número de mensaxes escoitadas pola comunidade comprometida.
Esta doazón irá destinada integramente ao proxecto que a Fundación ten en Nicaragua para axudar aos nenos e nenas que traballan nos mercados, promovendo a súa escolarización coa fin de prever a violencia infantil e os abusos sexuais.
A iniciativa púxose en marcha en Facebook e Twitter, onde a Fundación conta con máis de 6.000 seareiros e tamén saíu á rúa onde se realizaron varias concentracións en puntos céntricos de Madrid, como a Praza do Callao ou Novos Ministerios, para solicitar a colaboración.
A acción contou coa colaboración especial de Guillermo Fesser e Juan Luis Cano, os dous xornalistas do dúo radiofónico Gomaespuma, que gravaron unha serie de mensaxes de contestador na web, as cales, representaban de maneira moi cómica situacións que ocorren cando non se escoitan mensaxes do buzón de voz a tempo.

PUBLICIDADE